
O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, celebrará o venres 20 de novembro unha nova edición de Conecta con atlanTTic, unha xornada de portas abertas na que o público poderá coñecer de preto algunhas das investigacións e tecnoloxías que se desenvolven no centro. A iniciativa combinará visitas guiadas aos laboratorios con demostracións e postos divulgativos a cargo do persoal investigador sobre cuántica, robótica, comunicacións 5G e 6G, intelixencia artificial, realidade virtual, fotónica e exploración espacial, entre outros ámbitos.
A xornada desenvolverase nas instalacións de atlanTTic, situadas na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, en dúas quendas: de 09.30 a 12.30 horas, dirixida a centros educativos, e de 16.00 a 19.00 horas, aberta ao público xeral.
A participación é gratuíta, pero require inscrición previa a través da web atlanttic.uvigo.es.

Un robot humanoide e outro cuadrúpede serán algúns dos protagonistas desta edición, na que as persoas asistentes poderán ver en directo o funcionamento do Unitree G1 e do Unitree Go2 e coñecer algunhas das posibilidades que ofrecen estes dispositivos.
O centro atlanTTic avanza que a exploración espacial tamén terá presenza a través de modelos de satélites CubeSat e prototipos de robots deseñados para explorar covas lunares.
Outra das propostas permitirá poñerse aos mandos dun pequeno coche teleoperado e comprobar como inflúe a velocidade da conexión na súa condución. A través dun circuíto, poderase comparar a resposta do vehículo cando funciona cunha rede 5G de baixa latencia e cando se producen atrasos na comunicación. Tamén se amosará como un dron conectado mediante 5G pode comunicarse con outros vehículos e coas infraestruturas da súa contorna.
A realidade virtual con experiencias que van desde a educación universitaria ata a formación médica, a través dun simulador que permite practicar técnicas de colonoscopia nunha contorna virtual, será outro dos atractivos desta edición de portas abertas.

Haberá tamén demostracións sobre o uso de reloxos intelixentes e intelixencia artificial para estudar o movemento humano e monitorizar diferentes parámetros relacionados coa saúde.
A xornada incluirá tamén xogos, un fotomatón e máis sorpresas. Ademais, as persoas que completen o percorrido por todos os postos poderán participar nos sorteos de kits de agasallos de atlanTTic.
A xornada incluirá visitas guiadas a tres espazos de investigación do centro: o Laboratorio de Seguimento de Satélites, o Laboratorio de Acústica, que conta cunha sala semianecoica, e o Laboratorio de Medidas Radioeléctricas, que alberga unha cámara anecoica. Os percorridos permitirán coñecer estas infraestruturas e os equipamentos que emprega o persoal investigador no desenvolvemento dos seus proxectos.
