
O Cormorán Film Fest entra esta fin de semana na recta final da súa sétima edición cunha xornada que reúne a presentación pública dos proxectos de Cormokamp, un obradoiro familiar e dúas longametraxes da sección oficial. A programación deste sábado 14 comezará na Fundación Luis Seoane e rematará na Filmoteca de Galicia coa estrea en España de Adam’s Apple, de Amy K. Jenkins.
Ás 11.30 h, as persoas participantes en Cormokamp, a residencia de creación do festival, presentarán na Fundación Luis Seoane os proxectos cinematográficos que desenvolveron durante estes días. A sesión permitirá coñecer as películas en fase de desenvolvemento e escoitar como as conciben as persoas que están a traballar nelas. A entrada será libre ata completar o aforo.
Ás 12.00 h, a Biblioteca Municipal Durán Loriga acollerá Casas de películas, un obradoiro para familias con nenas e nenos de 5 a 10 anos. A partir de imaxes de filmes e obras de arte, as familias participantes explorarán como as casas e os espazos domésticos contan historias sobre quen os habita. A actividade rematará coa creación dun pequeno libro en acordeón mediante o debuxo e a colaxe. Cómpre inscrición previa.
A 1ª proxección da tarde será ás 16 nos Cines Cantones. En Seis meses en el edificio rosa con azul, Bruno Santamaría Razo volve á súa nenez en México DF a comezos dos anos noventa. O día que fai once anos, Bruno namórase do seu mellor amigo, Vladimir. Esa noite, o seu pai recibe un diagnóstico de VIH que muda a vida familiar. Tres décadas despois, o cineasta recrea o que daquela apenas podía comprender.

Ás 18.00 h, a Filmoteca de Galicia acollerá a estrea en España de Adam’s Apple, documental que segue a transición de xénero de Adam desde a súa propia perspectiva e a da súa nai, a artista visual Amy K. Jenkins.
A cineasta recorre a un arquivo familiar de dúas décadas para retratar como o seu fillo afirma a súa identidade e como a familia aprende a acompañalo. A sesión, con entrada de balde, pechará a programación do festival na Filmoteca.
Axenda · Sábado 14 de novembro
- 11.30 h · Fundación Luis Seoane — Pitchings de Cormokamp. Presentación pública dos proxectos da residencia de creación. Entrada libre ata completar o aforo.
- 12.00–13.15 h · Biblioteca Municipal Durán Loriga — Obradoiro Casas de películas. Para familias con nenas e nenos de 5 a 10 anos. Información e inscrición.
- 16.00 h · Cines Cantones — Seis meses en el edificio rosa con azul, de Bruno Santamaría Razo. Proxección e coloquio en liña. Entrada de 5 €. Venda de entradas.
- 18.00 h · Filmoteca de Galicia — Adam’s Apple, de Amy K. Jenkins. Estrea en España e coloquio en liña. Versión orixinal subtitulada en castelán. Entrada de balde ata completar o aforo.
