
O Concello da Coruña organiza a acción formativa IA práctica para pemes: traballa mellor, vende mais e aforra tempo, no Centro Municipal de Empresas Papagaio. Esta actividade gratuíta e presencial celebrarase os días 17,18 e 19 de novembro. En total, a duración será de 6 horas distribuídas entre as tres xornadas. Segundo explica o Concello da Coruña, trátase “dunha formación práctica, con exemplos e utilidades concretas e especialmente pensada para pemes”.
As inscricións deben completarse no formulario en liña. O único requisito é que os participantes teñan un ordenador portátil propio para poder completar o programa proposto. Buscarase que os asistentes descubran novas oportunidades e ferramentas que poidan aplicar desde o primeiro día.
O contido inclúe os seguintes bloques temáticos: Descubre o que a IA pode facer polo teu negocio, Consegue máis clientes e vende mellor, Aforra tempo na xestión diaria, Fai que algunhas tarefas se fagan soas e Obradoiro: aplica a IA ao teu propio negocio.
Esta actividade forma parte do programa de formacións gratuítas levadas a cabo nos Centros Municipais de Empresa, que achegan novas ferramentas e coñecementos ao tecido empresarial local para mellorar a competitividade dos proxectos de emprendemento.
