
Os estudios de creatividade dixital Celtic Rain, con centro de operacións en Vigo, puxeron a dispor dos seareiros gamers un videoxogo gratuíto de carreiras e combates entre vehículos. Trátase de In Nomine Rally, un proxecto impulsado polos ditos estudios vigueses coa axuda da intelixencia artificial que ten a súa orixe nunha “idea sinxela”, nas súas palabras: explorar ata que punto as novas ferramentas de IA permiten transformar unha idea creativa nun produto dixital real, funcional e accesible para calquera.
O resultado é un xogo de estética punk, protagonizado por personaxes chegados do máis alá que compiten en carreiras disparatadas, con circuítos que inclúen unha copa especial en escenarios inspirados no nadal de Vigo.
In Nomine Rally pode xogarse directamente desde o navegador, sen instalacións, sen rexistro obrigatorio e sen custo para as persoas usuarias.

“Máis alá do videoxogo, cremos que o proxecto ofrece unha historia interesante sobre o papel da intelixencia artificial nos procesos creativos: como pode multiplicar a capacidade de produción dos equipos pequenos sen substituír as ideas, as decisións e o criterio humano”, explican os desenvolvedores Alejandro Castro (programación) e Miguel Areán (infraestrutura), engadindo que o xogo (tematicamente falando) ten o seu xermolo nas series animadas como os Autos Locos ou películas como Os tolos de CannonBall ou videoxogos como Death Rally, Ignition, MiniRacing Online ou Mario Kart.
O resultado, indican, é un videoxogo de carreiras con armas, vista cenital e físicas arcade, que nos permite competir contra bots ou con outros xogadores nas modalidades en liña.
