21 empresas innovadoras galegas presentan este xoves os resultados do seu paso por Galicia Avanza

mércores, 19 de febreiro do 2025 S. P.

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas Galicia Avanza, posto en marcha en 2022 pola Consellería de Economía e Industria (IGAPE) e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), será o protagonista dunha xornada programada para este xoves 20 de febreiro, na cal as 21 pemes innovadoras de toda a comunidade que participaron na 3ª edición desta iniciativa presentarán os logros conseguidos ao longo dos oito meses que durou o programa. Contarase coa asistencia do director da Área de Internacionalización do Igape, Augusto Álvarez-Borrás.
O evento Empresas & Viceversa vaise celebrar en Tecnópole, entidade encargada da xestión e coordinación do programa. No transcurso do acto, destinado a promover a internacionalización da innovación en Galicia, haberá un showroom coas 21 pemes beneficiarias desta edición, que amosarán os seus produtos ou servizos innovadores e darán a coñecer os éxitos acadados tralo seu paso polo programa. Pola súa parte, o director xerente de Tecnópole, Javier Taibo, será o encargado de presentar os resultados globais desta convocatoria.
No encontro daranse cita ademais un centenar de empresas galegas de sectores diversos, con presenza en mercados exteriores ou con potencial de exportar as súas innovacións. Ao longo da xornada, todas as compañías asistentes terán a oportunidade de compartir experiencias e manter reunións bilaterais entre elas, co fin de establecer posíbeis colaboracións.
O evento inclúe o espectáculo Empresas & Viceversa, destinado a fomentar a rede de contactos entre empresas. Simulando o popular programa de televisión, contarase coa participación dunha serie de firmas “pretendentes”, que terán que demostrar as súas afinidades coas empresas “tronistas” (compañías de éxito internacional), co propósito de lograr unha cita privada con elas como paso previo para unha potencial colaboración. Como “tronista” estarán Pedro Arenas, director de desenvolvemento corporativo de CEAMSA (Compañía Española de Algas Marinas), e máis Iago Jover, responsábel de innovación en Roberto Verino.
Durante os oito meses de duración do programa e a través dun equipo de expertos en internacionalización, traballouse na saída ao mercado exterior das empresas e tamén na consolidación internacional das que xa tiñan experiencia neste eido, abríndolles novos mercados ou accedendo a novos segmentos de clientes. Axudóuselles a mellorar a súa estratexia comercial internacional, avanzouse na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras compañías.
Con cada firma seguiuse unha folla de ruta personalizada. Reforzáronse aspectos como a mellora da innovación, as estratexias de mercadotecnia, a creación de marcas e certificacións, ou a adaptación de produtos e servizos ao mercado exterior, entre outros aspectos.