21 pemes galegas aproveitan o programa Galicia Avanza para a súa internacionalización

xoves, 7 de novembro do 2024 Redacción

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras e de base tecnolóxica Galicia Avanza ten en marcha a súa terceira edición, na que están a participar 21 empresas da comunidade. Esta iniciativa poñíase en marcha en 2022 froito da colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, o IGAPE e a Tecnópole, entidade encargada da súa xestión e coordinación. Esta mañá celebrouse no Parque Tecnolóxico de Galicia unha xornada coas compañías participantes nesta edición, co propósito de favorecer contactos, detectar sinerxías e conseguir posibles colaboracións entre elas.
Durante o evento, o director da Área de Internacionalización do IGAPE, Augusto Álvarez-Borrás, destacou que a través desta aceleradora, así como do resto de ferramentas a disposición das empresas, “ofrecemos ao tecido empresarial galego as mellores condicións para que sigan a facer da internacionalización un dos grandes motores de crecemento económico”. A economía galega progresa no seu obxectivo de consolidación de mercados no exterior, apuntou, o que está permitindo acadar rexistros históricos en exportacións.
Pola súa parte, a coordinadora de Galicia Avanza en Tecnópole, Beatriz Monfort, deu conta dos avances acadados nos últimos meses coas empresas beneficiarias, que accederon en xullo a un programa integral de apoio que se prolongará ata febreiro de 2025, guiadas por un equipo de asesores especializado. Estase a traballar na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na cooperación con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes e en incrementar a atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.
Nestes meses xa se obtiveron algúns logros en internacionalización. Tal como puxo de relevo o director xerente de Tecnópole, Javier Taibo, os países que están a suscitar maior interese por parte das empresas son os Estados Unidos, Reino Unido, Francia e Alemaña; seguidos de Portugal, Italia, Arxentina e Uruguai. Outros destinos son Xapón, China, Arabia Saudí, Australia, Países Escandinavos, Polonia e Irlanda.

As 21 empresas xa teñen deseñados os seus itinerarios personalizados de internacionalización

Nestes intres as 21 empresas xa teñen deseñados os seus itinerarios de internacionalización e desde Tecnópole estanse a contratar os servizos necesarios para levalos a cabo. Os titores do programa farán un seguimento da posta en marcha destes servizos e as pemes beneficiarias axiña comezarán a ter resultados. En palabras de Taibo, “entre os servizos máis demandados están o rexistro e certificación de marca ou produto; o deseño, adaptación e produción de material comercial; a tradución de páxinas web e soportes comerciais; a elaboración de material audiovisual e promocional; a cualificación de clientes e axendas comerciais; a elaboración de plans de acceso a mercados; a identificación de provedores e clientes comerciais; ou o soporte legal e asesoramento; entre outros”.
Por outro lado, as empresas están a recibir formación, centrada nestas semanas nas vendas B2B (dunha empresa a outra), aplicando nalgúns casos a intelixencia artificial xenerativa, ao tempo que se prepararán para acudir a feiras internacionais, entre outros ámbitos de interese no eido da internacionalización.

Unha produtiva actividade de networking

Unha das principais finalidades do encontro celebrado hoxe é que as empresas beneficiarias mantiveran relación entre elas co fin de lograr colaboracións futuras. A cada unha das pemes entregóuselle un pasaporte de Galicia Avanza. No espazo destinado ao netwoking, cada mesa simbolizaba un país, de maneira que os representantes das pemes se dirixían a aqueles que teñen identificados como mercados potenciais. Deste xeito, compañías de sectores moi diferentes entre si tiveron a oportunidade de manter contacto e poñer ideas en común. Segundo ían interactuando nesta dinámica de relacións, ían engadindo empresas de interese ao seu pasaporte.
Así, o programa, ademais de centrarse no desenvolvemento de itinerarios individuais e personalizados con cada empresa, destinados a apoiar a chegada ao mercado exterior de solucións innovadoras galegas, tamén buscar fomentar as sinerxías entre as diferentes pemes participantes.