22 proxectos creativos de 13 centros de ensino promoverán a innovación educativa

luns, 7 de xuño do 2021 Redacción

Un total de 22 proxectos desenvolvidos en 13 centros de ensino galegos, que apostan pola innovación educativa e por incentivar a creatividade da cativada a través da ciencia, a robótica e o faino ti mesmo, preséntanse na xornada de educación da Maker Faire Galicia, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Aparellos para garantir a axeitada ventilación nas aulas, un colar anticovid, modelos de motores con combustibles alternativos, pequenos satélites ou ideas para darlle unha nova vida ao lixo electrónico son algúns dos proxectos que se dan a coñecer nesta sétima edición do encontro, un escaparate para a creatividade e o enxeño que desenvolve de forma enteiramente dixital ata o domingo.
Na apertura da xornada educativa da Maker Faire, o secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta, José Luis Mira, chamou a atención sobre a innovación que se está a desenvolver desde os centros de ensino, presentando como exemplo os proxectos maker de centros de primaria, secundaria e formación profesional que se presentan no evento e que “ademais de espertar a creatividade e o interese pola ciencia axudan a crear escolas máis inclusivas e máis seguras nos tempos da covid-19”. O secretario xeral de Educación resaltou ademais a ampla representación da galega nesta xornada do encontro, pois a metade dos proxectos presentados (que ascenden a 45) e dous terzos do centros de ensino participantes proceden da nosa comunidade.
José Luis Mira quixo tamén pór en valor o traballo do alumnado e docentes “que se animaron a amosar os seus proxectos nesta edición da Maker Faire, onde coñecer ideas de todo tipo, desde iniciativas para espertar a creatividade e o interese pola ciencia nas etapas máis temperás da educación, ata avanzados proxectos de robótica ou electrónica, desenvolvidos desde os centros de Formación Profesional”.
Do preto de medio cento de proxectos amosados, 15 finalistas presentarán o seu pitch en liña para seren avaliados por un xurado especializado do CAFI, que decidirá os galardóns do certame aos máis innovadores nas tres categorías a concurso: minimakers (primaria), makers (secundaria e bacharelato) e makers pro (FP). Ademais do recoñecemento ao seu traballo, recibirán como premio uns kits de robótica de Micro:BIT, para continuar a desenvolver proxectos creativos e tecnolóxicos desde o centro de ensino.

Innovación educativa

Entre os proxectos presentados atópanse varias ideas para axudar ao control da propagación da pandemia do coronavirus, como por exemplo o colar anticovid desenvolvido por alumnado do IES Eusebio de A Guarda –que avisa ao seu portador cando se atopa a menos de 1,5 metros de distancia doutras persoas– ou o sistema para mellorar a ventilación nas aulas deseñado por estudantes do IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, que combina un detector de CO2 cunha fiestra automática que se abre ao exceder o límite de partículas recomendado deste gas. Destacan tamén proxectos para darlle unha nova vida ao lixo doméstico, reconvertendo por exemplo un forno nunha incubadora de ovos ou o chasis dun vello televisor de tubo catódico nunha cociña solar.
Aplicacións para incrementar a seguridade ao circular en bicicleta, pequenos satélites, guitarras eléctricas ou pianos xigantes programados pola cativada, ou un modelo de motor que funcione con combustibles alternativos son só algúns exemplos da creatividade xurdida nas aulas do traballo de docentes e estudantado de todas as idades.

Programación en liña

O programa desta sétima Maker Faire pode seguirse en liña desde calquera lugar do mundo e, ademais de mesas redondas, charlas e obradoiros de programación, robótica educativa ou solucións para espazos maker orientadas aos centros educativos, inclúe o primeiro EDU Open Space. Neste espazo para a reflexión ao redor da educación, os propios asistentes propoñen as temáticas para debater en diferentes mesas redondas en simultáneo.
A xornada do venres rematou coa conferencia de Valeria Corrales, unha estudante de Huesca que con só 12 anos participou no programa de televisión Got Talent España, abraiando ao xurado cun robot que ela mesma construíu e que resolveu en directo o cubo de rubik en 29 movementos. A través dunha canle de YouTube creada xunto á súa profesora Patricia Heredia proponse inspirar a outras nenas que queiran dedicarse á enxeñería ou a robótica. Foi nomeada Inspiring Girl of the Year pola Fundación Inspiring Girls e elixida mellor alumna de secundaria de STEM de España nos STEM Talent Awards.

Un Museo Gaiás en 360º

Desde a plataforma en liña da Maker Faire Galicia, pode accederse a todos os contidos do programa destes cinco días, permitindo ás persoas visitantes circular virtualmente polo interior dun Museo Gaiás recreado en 360 grados, o sistema ofrece a posibilidade de conectar a través de videoconferencia cos makers que expoñen os seus proxectos. Tamén a través da mesma web se pode acceder a todos os obradoiros, charlas e mesas redondas programadas, nas que ademais de educación se tratan temas como robótica, dixitalización, biotecnoloxía, videoxogos, intelixencia artificial, farmacoloxía ou ciberseguridade.
O encontro arrancaba o pasado mércores con preto de 4.000 participantes inscritos e rematará na fin de semana coas xornadas abertas a todos os públicos, onde o Do It Yourself, a música ou a arte se unen coa tecnoloxía. A 7ª edición da Maker Faire Galicia conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura, a Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) e o Círculo Financiero de Galicia (dentro do proxecto Capacita Directivos). Ademais, realízase coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia e Innovación.

PUBLICIDADE