235 empregados públicos acóllense ao teletraballo como medida de conciliación

xoves, 24 de agosto do 2017 Redacción

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, explicou hoxe en rolda de prensa que máis de 10.000 empregados do sector público autonómico están a utilizar a flexibilidade horaria e o teletraballo como medidas de conciliación familiar e laboral, logo de que estas iniciativas se puxeran en marcha en 2014. Prieto salientou a boa acollida destas medidas, que supoñen vantaxes tanto para a organización como para os traballadores. Ao tempo, melloran a organización e distribución do tempo de traballo, así como o coñecemento das necesidades dos distintos servizos.
Xa máis polo miúdo, detallou que a flexibilidade horaria pode motivarse ben por razóns de conciliación, ou de xeito automático. Naqueles casos derivados da necesidade de conciliación, a franxa de traballo permitida esténdese entre as 7:30 e as 18:30 horas de luns a venres (agás nos casos nos que sexa preciso establecer unha franxa de traballo obrigatoria). A flexibilidade autonómica mantén un horario fixo de presenza diaria de 9:00 a 14:30, mentres que a franxa flexible ata completar a xornada laboral é a restante, isto é, entre 7:30 e 9:00; e entre 14:30 e 18:30. Os horarios poden ser superiores ás 18:30 sempre que o centro permaneza aberto, e tendo como hora máxima as 20:00 horas. Ademais, os empregados con horario flexible poden compensar as posibles demoras no mes seguinte ao que se produza o incumprimento.
Ademais da flexibilidade, os empregados e empregadas públicas poden desenvolver as súas tarefas fóra das dependencias da Administración autonómica mediante o emprego das TIC, sempre e cando cumpran unha serie de requisitos e que a natureza do seu posto o permita.
O número máximo de xornadas que poderán efectuarse nesta modalidade serán de 3 á semana e a súa concesión, salvo prórroga, non excedera o ano de duración.
Actualmente, un total de 235 persoas prestan servizos a través desta modalidade de traballo non presencial, a maioría deles (167) nos servizos centrais. Deste total, 121 corresponden a prórrogas, froito da boa experiencia e beneficios desta medida. Por xénero, as mulleres representan o 57,14% das persoas que están teletraballando, e os homes, o 42,86%.
Os postos autorizados para teletraballo por tipoloxía son fundamentalmente asesores xurídicos, corpos de inspección (farmacéutica, urbanística, de traballo, de saúde pública...), tradutores, informáticos, e outros postos que desenvolven funcións que poden ser desempeñadas cun grao alto de autonomía e a distancia. Por porcentaxe, os informáticos supoñen o 34% dos postos autorizados, seguido por corpos de inspección (20%), asesores xurídicos (15%) e tradutores (2%).

PUBLICIDADE