250.000 euros de sanción a LaLiga pola súa aplicación móbil espía

martes, 11 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Hai un ano resultou moi rechamante o descubrimento de que a aplicación móbil de LaLiga empregase o micrófono e o GPS dos smartphones dos seus usuarios para espiar aos bares e detectar locais de hostalaría que exhiben retransmisións deportivas sen a licenza correspondente, ou sexa, que converte aos usuarios da aplicación en delatores inconscientes, o que levou á Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) a realizar unha investigación de oficio que vén de concretarse nunha sanción de 250.000 euros.
Aínda que a aplicación móbil de LaLiga detallaba as súas actividades anti-piratería nas súas condicións legais, tal información non era o suficientemente transparente, como demostraba o feito de que a meirande parte dos usuarios que tiñan a aplicación instalada non eran conscientes do que estaba a acontecer.
LaLiga eliminará a súa ferramenta espía da súa aplicación móbil antes do inicio da vindeira tempada da liga española de fútbol, pero tamén aseguran estar convencidos de ter obrado correctamente (a polémica funcionalidade solicitaba expresamente o consentimento ao acceso ao micrófono nun par de ocasións), polo que recorrerán xudicialmente a sanción da AEPD.

PUBLICIDADE