3,5 millóns de euros para a actualización tecnolóxica do sistema sanitario público galego

luns, 13 de xaneiro do 2025 Redacción

A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia, por medio da Consellería de Sanidade, a contratación da actualización tecnolóxica, soporte e subministro de licenzas software para o sistema sanitario público de Galicia, por un importe de 3.584.201 euros para o período 2025-2028. As empresas interesadas en participar neste procedemento poderán presentar as súas ofertas até o vindeiro día 27 de xaneiro.
O contrato divídese en catro lotes correspondéndose cada un cun tipo de software: de backup e monitorización; de xestión de base de datos; de observabilidade de rendemento e experiencia do usuario; e de servidor de aplicacións.
O Servizo Galego de Saúde dispón dunha arquitectura de desenvolvemento de aplicacións críticas baseada nunha plataforma de alto rendemento e robusta, que conta cunha infraestrutura software que lle dá soporte.
Dentro destes contornos software atópanse os xestores de base de datos que almacenan a información da historia clínica, os servidores de aplicacións que presentan e executan os sistemas de información e as ferramentas de monitorización.
Esta contratación é necesaria pola evolución dos sistemas de información do departamento sanitario galego para adaptarse ás necesidades do Plan Estratéxico de Transformación e Saúde Dixital, que implican proxectos de historia clínica intelixente, big data, apoderamento do paciente, teleconsulta, ou diagnostico de imaxe médica.
Nese marco, faise preciso incrementar as licenzas de xestión e a actualización de versións e corrección de erros no software para asegurar os máximos niveis de funcionamento.