3 anos de ChatGPT

luns, 1 de decembro do 2025 Marcus Fernández

O 30 de novembro de 2022 OpenAI presentaba ao mundo «ChatGPT, un modelo que interactúa cos usuarios como se mantivese unha conversa», descrición tan discreta como precisa, que non anticipaba a revolución que estaría por chegar. Aquel experimento público converteuse nun fenómeno de masas, alterou a planificación a longo prazo das grandes empresas tecnolóxicas e abriu a porta a unha vaga de produtos e servizos de intelixencia artificial xerativa.
Aínda que esta tecnoloxía pode verse como un impresionante avance dende unha perspectiva positiva, é innegable que para a mocidade tamén deu pé a un escenario definido pola incerteza, especialmente no ámbito laboral, cada vez máis precarizado e coa incógnita de non saber que habilidades teñen que perfeccionar a longo prazo, xa que descoñecen os que deixarán de ser relevantes no futuro por pasar a ser competencia da IA.
Pero a intelixencia artificial tamén é unha oportunidade económica sen precedentes, como podemos comprobar no caso de nVIDIA, compañía que dende o lanzamento de ChatGPT multiplicou por 10 a súa cotización bolsista ata converterse na compañía coa maior valoración, superando a xigantes tecnolóxicos como Microsoft e Apple. De feito, esta revolución tamén conseguiu que Apple, compañía máis centrada no hardware, perdeu o liderado que gañara co iPhone, para ver como nVIDIA e Microsoft eran vistas polos mercados como compañías con maior proxección de futuro grazas ás súas fortes apostas no ámbito da IA.
É difícil saber se este optimismo está xustificado, pero o que actualmente é innegable foi o crecemento meteórico de OpenAI, arrastrando a todo o sector tecnolóxico. Non falamos xa dun simple chatbot, senón que actualmente as tecnoloxías que desenvolven con multimodais, podendo entender e xerar textos, audio, imaxes e vídeo, abrindo a porta a solucións cada vez máis potentes e con aplicacións moi directas no noso día a día, e cun grande potencial para disparar a nosa produtividade, de xeito que a grande dúbida que hai actualmente é onde estará o teito desta tecnoloxía, e canto tempo continuarán os mercados a investir en IA antes de esixir un retorno económico.