30 estudantes fórmanse en robótica educativa en Pontevedra
mércores, 19 de xuño do 2019
Até
30 estudantes están
a participar estas semanas nun curso de robótica educativa en
Pontevedra. A actividade, que se celebra na Facultade de Ciencias da
Educación e do Deporte (Campus de Pontevedra), lévase a cabo
baixo un epígrafe que fala por si só dos seus obxectivos e da
relevancia dos contidos tratados: Ensinar ciencias con
programación e encerado dixital interactivo. Un achegamento ao
pensamento computacional. A
tecnoloxía creativa que centra boa parte do curso serve para atopar
retos científicos a problemas concretos. Por exemplo a contaminación
dos océanos, a sobreexplotación dos recursos pesqueiros, a
deforestación ou como substituír as enerxías contaminantes polas
limpas e sustentábeis.
Inserido
na programación de cursos de verán da Vicerreitoría do Campus, o
curso diríxese a mostrar o mellor xeito de integrar as TIC nas
clases de ciencia de maneira transversal, como explica María
Lorenzo. Xunto á profesora María Álvarez Lires, Lorenzo é a
responsábel de impartir este obradoiro dirixido polo profesor Uxío
Pérez ao que asisten estudantes dos graos de Educación Infantil e
Educación Primaria e que busca pór de relevo que “a tecnoloxía é
un aspecto transversal, que está presente nas nosas vidas e que
tamén pode estalo no ámbito educativo”.
Con
ese obxectivo, 28 alumnas e dous alumnos estanse a capacitar en
programación, no manexo de diferentes recursos de robótica
educativa como Lego We-Do ou os robots Sphero SRPR e Mouse e no uso
do software do encerado dixital para o deseño de actividades.
Ao
igual que nas últimas edicións deste curso, as e os participantes
traballan en grupos na elaboración dunhas maquetas que integren os
contidos que foron realizando na aula e que nesta ocasión “teñen
como novidade que todas están ligadas a algúns dos obxectivos da
Axenda 2030”, a iniciativa de fomento do desenvolvemento
sustentábel impulsada pola ONU. Desta maneira, entre os proxectos
nos que traballan figuran maquetas que abordan a contaminación que
supón a presenza de plásticos nos océanos ou as contribucións das
mulleres á sustentabilidade do mar exemplificadas en mariscadoras e
redeiras.
O
curso complétase cun blog no que os diferentes grupos relatan o seu
proceso de traballo nas diferentes sesións. “Cada grupo leva o
nome dunha muller sobranceira relacionada coa ciencia e a tecnoloxía,
da que contan á súa historia ao mesmo tempo que van presentando o
que fixeron”, explica Lorenzo dunha proposta que pon en valor as
figuras de Ada Lovelace, Hedy Lamarr, Edith Clarke, Ángela Ruiz
Robles e Amalie Emmy Noether.