300 docentes analizaron en Vigo a situación do dereito administrativo na era da IA
martes, 30 de xaneiro do 2024
Arredor de 300 profesores e profesoras de dereito administrativo de universidades de toda España reuníronse esta pasada fin de semana en Vigo no marco da XVIII edición do Congreso da AEPDA, a Asociación Española de Profesores de Derecho Administrativo. Este encontro, organizado neste 2024 pola UVigo, centrouse en explorar “como a Intelixencia Artificial afecta á toma de decisións administrativas e como se proxecta sobre os dereitos e liberdades da cidadanía nas súas relacións coas administracións e tamén co sector privado, dado que os poderes públicos deben garantir aos particulares o goce efectivo da súa liberdade”.
Outras cuestións centrais da xuntanza foron a análise das posibilidades e riscos e que poden achegar neste contexto as persoas que se dedican academicamente ao mundo do dereito administrativo “para contribuír ao avance das primeiras e á contención dos segundos”.
Á fronte do comité organizador do evento, que arrancou o venres, estiveron a profesora da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Patricia Valcárcel, e o profesor da Facultade de Dereito de Ourense, Roberto O. Bustillo. Xunto con eles, encargáronse da organización os docentes Juan A. Hernández, Mª Antonia Arias e Rafael Fernández Acevedo.
No acto de apertura participou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño; e a presidenta da AEPDA, Concha Barrero, ademais dos membros do comité.
O congreso artellouse arredor de varias sesións temáticas. A primeira delas centrouse na irrupción da IA no dereito administrativo e nela participaron Alejandro Huergo, da Universidad de Oviedo, e Clara Velasco, da Pompeu Fabra, o primeiro cun relatorio titulado De la digitalización a la IA. Evolución o revolución? e a segunda abordando o marco regulamentario e o papel da administración.
A segunda sesión centrouse na IA e a toma de decisións administrativas, coa participación de José Luis Bermejo, profesor da Universidad de Zaragoza, que falou sobre a aplicación das tecnoloxías intelixentes na actividade formal e informal da administración, e de Susana de la Sierra, da Universidad de Castilla-La Mancha, cun relatorio sobre o exercicio de potestades mediante IA.
A reconfiguración dos dereitos e garantías foi o tema da terceira sesión, da man do profesor da UVigo Juan Antonio Hernández Corchete, que impartiu un relatorio titulado Un nuevo estatuto jurídico de los ciudadanos? e da profesora Matilde Carlón, da Universidad Complutense de Madrid, coa conferencia Hacia otro sistema de controles y garantías.
Na xornada do sábado celebrouse a asemblea da AEPDA, na que se acordou mudar o nome da entidade a Asociación Española de Profesores y Profesoras de Derecho Administrativo, apostando así por unha linguaxe máis inclusiva e igualitaria.
Logo foi a quenda da cuarta sesión de relatorios, centrada na visión de dereito comparado, na que interviñeron Tomás de la Quadra-Salcedo Fernández del Castillo, da Universidad Carlos III; Suzana Tavares da Silva, da Universidad de Coimbra; Alessandro Mantelero, da Universidad Politécnica de Turín e, como moderador, Ricardo Rivero Ortega, reitor da Universidad de Salamanca. O congreso pechouse coa presentación das conclusións, da man de Julián Valero Torrijos, catedrático da Universidad de Murcia.