300 mozos adéstranse contra o ciberacoso no encontro dos correspondentes 3.0

luns, 26 de febreiro do 2018 Redacción

O albergue xuvenil de Gandarío acolleu esta fin de semana o encontro galego dos correspondentes 3.0. A cita contou con 273 participantes e nela recibiron formación para actuar como mediadores e ferramentas para previr o acoso escolar e o ciberacoso (ciberbulling). A actividade tamén incluíu unha xuntanza en Betanzos, coa directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez, quen lles lembrou ás rapazas e aos rapaces importancia deste adestramento para o seu traballo de dinamización e divulgación das iniciativas e programas destinados á xente da súa idade, “un labor que abrangue tamén as redes sociais e os blogs”.
A director xeral engadiu que “a nosa intención é que, como transmisores de información, poidades ser un referente nun uso da Internet máis respectuoso e con actitudes e comportamentos saudábeis con vistas a convivir nunha contorna máis segura”.
A formación, que busca tamén que os participantes se inicien como mediadores na prevención do acoso nos seus centros educativos, será impartida por parte Patricia Gómez Salgado, docente da Universidade de Santiago de Compostela, doutora en psicoloxía é experta nesta temática, así como pola psicóloga Noa Tilve, técnica do Centro Quérote+ da Xunta.
Estes alumnos e alumnas de segundo ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos formativos, con idades comprendidas entre os 14 e 20 anos, dan a coñecer e difunden nos seus centros educativos, nas súas contornas máis próximas, nas redes sociais e nos blogs, os programas e recursos para a mocidade postos en marcha pola Administración, xa sexan da Dirección Xeral de Xuventude ou bolsas de axudas, ofertas de traballo, direccións de interese, aloxamentos xuvenís ou información sobre ocio e tempo libre.
Durante a súa estancia no albergue xuvenil de Gandarío desenvolveron un programa lúdico, compartiron experiencias e coñeceron como se organizan os seus compañeiros doutros centros para a difusión da información.

PUBLICIDADE