31 alumnos de seis centros de FP galegos participan nunha formación audiovisual de Netflix e Fad Juventud
martes, 16 de maio do 2023
Un
total de 31 alumnos de FP de grao superior de seis centros galegos
están a recibir formación
por parte da plataforma de streaming Netflix ao abeiro do
acordo establecido entre a empresa audiovisual, a Xunta, a produtora
galega Vaca Films e a fundación FAD Juventud. A iniciativa
Formando equipo: traballa no audiovisual, en cuxo deseño
tamén participou a produtora Zeta Studios, busca desenvolver novos
talentos técnicos enfocados ao ámbito audiovisual nas familias
profesionais de Electricidade e electrónica e de
Administración e xestión.
A
formación, cunha duración total de 38 horas, desenvólvese no CIFP
Politécnico de Santiago desde finais do mes de abril e estenderase
ata o 3 de xuño. Participan nela 16 alumnos de ciclos da familia de
Administración e xestión, en concreto seis do instituto IES
Fernando Wirtz Suárez (A Coruña), dous do Muralla Romana (Lugo) e
oito do CIFP Portovello (Ourense).
No
caso do alumnado dos ciclos da familia de Electricidade e electrónica
son un total de 15, cinco deles procedentes do Instituto IES Urbano
Lugrís (A Coruña), oito do CIFP Politécnico de Santiago e dous do
IES Politécnico de Vigo.
A
orixe
O
conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, reuniuse o
pasado mes de outubro con Emma Lustres, de Vaca Films, e con
representantes de Netflix para analizar a proposta. En palabras do
titular do departamento educativo do Goberno galego, “para a Xunta
é moi importante contar con compañías punteiras para formar os
mellores profesionais e seguir así ampliando o gran momento do
audiovisual galego, garantindo que as rodaxes que acollemos conten
con técnicos cualificados”.
Formación
e valores
O
programa Formando equipo: traballa no audiovisual consta de 38
horas de formación teórica e práctica que procuran dar a coñecer
as oportunidades profesionais no sector audiovisual para familias de
FP cuxas saídas profesionais non están orixinalmente vencelladas a
este sector.
Nestas
actividades as persoas participantes aprenden a desenvolver
habilidades persoais específicas neste ámbito, como a creatividade,
a resolución de problemas ou o traballo colaborativo. Así mesmo,
afondan na realidade do sector con visitas ás rodaxes, sesións con
especialistas técnicos e charlas con profesionais de producións de
Netflix, que lles dan a coñecer a súa propia experiencia. O proceso
de formación completarase cunha estancia de prácticas formativas en
Vaca Films para algúns dos estudantes participantes.
