32 rapaces participan esta semana no campamento tecnolóxico de verán destinado á rapazada Aldaba-TIC Camp

luns, 22 de xuño do 2026 S. P.

Desde este luns 22 de xuño e ata o venres 26, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense acolle unha nova edición do campamento tecnolóxico de verán destinado á rapazada Aldaba-TIC Camp. O seu obxectivo é “espertar vocacións tecnolóxicas en mozas e mozos en idades temperás, darlles a coñecer o mundo TIC e axudarlles a desenvolver habilidades técnicas dun xeito divertido”. Nel participan 32 nenas e nenos, repartidos en tres grupos por idades.
A actividade está organizada pola Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, iniciativa das universidades de Vigo e A Coruña e da empresa Aldaba, celebrándose no Campus de Ferrol un campamento similar.
A edición en Ourense conta ademais co apoio do Consello Social da UVigo, que asume o 40% dos custes de matrícula.
O campamento está destinado a nenas e nenos de 6 a 12 anos “con interese pola tecnoloxía e ganas de explorar todo o que pode ofrecer”.
Seguindo o compromiso da Cátedra Aldaba WIB de reducir a fenda de xénero no sector tecnolóxico, o 80% das prazas deste campamento están reservadas para alumnas. “Con esta medida, búscase incentivar activamente o interese das nenas polas disciplinas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) desde idades temperás”, comentan desde a actividade.
Baixo o lema Aventura STEM: Viaxe no Tempo, esta semana “cada participante mergullarase nunha experiencia educativa na que historia e innovación xúntanse para resolver retos do pasado con ferramentas do futuro”.
A través dunha metodoloxía lúdica e práctica, “o alumnado explorará áreas clave do ecosistema dixital actual: drons, robótica, deseño e impresión 3D, programación, IA e ciberseguridade”.
O campamento segue unha metodoloxía activa que busca o desenvolvemento dunha serie de competencias en cada participante, concretamente as competencias dixitais, a competencia en matemáticas en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría, aprender a aprender e sentido da iniciativa e espírito emprendedor.