34 pemes reciben axudas de GAIN para mellorar a súa capacidade innovadora
luns, 29 de xullo do 2024
A Axencia Galega de Innovación (Consellería de Educación e Ciencia), vén de resolver a convocatoria de Innovapeme 2024, cuxo obxectivo é “mellorar a capacidade innovadora de pemes e microempresas a través do financiamento de plans de innovación en procesos e organización”. A resolución concede preto de 2,2M€ de axuda conseguindo unha mobilización de case 4,4M€.
Balance da convocatoria 2024
A Axencia apoia 34 plans de Innovación para que as empresas poidan mellorar ou adaptar os seus procesos e a súa organización para ser máis eficientes, integrar tecnoloxías ou introducir novos produtos e servizos no mercado. A axuda media desta liña é de 64.500€.
Por tamaño da empresa, o 44,1% son micropemes, o 35,3% son pequenas empresas e o 20,6% son mediana empresa.
Por provincias, a maioría das pemes beneficiaras desenvolven os seus plans en A Coruña (44,1%) e en Pontevedra (29,4%), mentres que o resto implantaranse na provincia de Ourense (14,7%) e Lugo (11,8%). Ademais, 19 desenvolveranse en concellos emprendedores.
Esta axudas financian plans que contemplan 25 novas contratacións , das que 19 son mulleres e implican a máis de 120 persoas cun investimento de máis de 1.3M€ en persoal propio e máis de 250.000 € en novas contratacións.
Destacan as subcontratacións con empresas tecnolóxicas e/ou organismos de investigación por importe de preto de 1M€. Entre os beneficiarios, figuran empresas do sector forestal e da madeira, de maquinaria para a industria da pesca, de alimentación, do sector servizos ou das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), entre outros.
Balance 2017-2024
GAIN fai saber que dende a súa posta en marcha no 2017, esta liña de axudas, permitiu impulsar 262 actuacións cun investimento de case 20M€ mobilizándose máis de 39M€.
No balance indícase que “nestas iniciativas empresariais teñen participado máis de 1.200 persoas, das que 220 foron novas contratacións, e máis da metade foron mulleres ou persoas con diversidade funcional”.
Ademais, faise saber que estes programas teñen impulsado a colaboración entre axentes de coñecemento de Galicia a través de máis de 350 subcontratacións con empresas tecnolóxicas e organismos de investigación galegos.
Das 262 subvencións concedidas, 115 foron para micropemes, 89 para pequenas empresas e 58 para medianas empresas.
No balance explícase que por provincias, A Coruña e Pontevedra son as máis dinámicas, cun 83% das axudas concedidas neste período, mentres que Lugo acadou o 11% e Ourense o 6%.