360fly quere ser a GoPro do vídeo envolvente

martes, 23 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Para levar as cámaras deportivas a un novo nivel, non son poucos os fabricantes que están a apostar polo vídeo envolvente, como un xeito de ofrecer unha experiencia de gravación moi inversiva, que incluso podería gozar de certa popularidade o ano que vén, coa chegada ao mercado de varias solucións de realidade virtual, a como interesante achegamento xa é posible adquirir a 360fly, cámara que busca converterse nunha GoPro de 360 graos e que comezará a chegar a mans dos seus compradores o vindeiro mes de agosto.
Esta cámara comercialízase a un prezo de 399 dólares (355 euros) e rexistra o que acontece ao seu redor en 360 graos nun vídeo cunha resolución de 1.504 x 1.504 píxeles a unha velocidade de 29,97 cadros por segundo. Estamos ante un trebello de pequenas dimensións (a súa esfera ten un diámetro de 61 milímetros) e a cámara só pesa 138 gramos, contando con soportes para a súa colocación en cascos ou vehículos, facendo doado rexistrar vídeo envolvente de secuencias de acción ás que pretende sobrevivir grazas a unha resistencia á auga até 5 atmosferas, resistencia ao po IP6X e resistencia a golpes (aguantaría caídas de até 1,5 metros).
Non estamos ante o produto de maior resolución do mercado dentro deste ámbito, pero si pode resultar bastante convincente grazas a factores como unha batería de 1.600 mA que permítelle unha autonomía de até 2,5 horas, conectividade Wi-Fi N e Bluetooth 4.0 LE (o que facilita o control da cámara dende smartphones) e compatibilidade con a partires de iOS 8, Android 4.3, OS X 10.8 e Windows 7. Almacena o vídeo nun almacenamento interno de 32 GB e cómpre destacar que aínda que se venda baixo o reclamo do vídeo en 360 graos, ao seu obxectivo de ultra-ollo de peixe ten un campo de visión de 240 graos (máis que suficiente para gravar o contorno).
Este tipo de produtos buscan achegar un sistema de gravación innovador a usuarios que non están dispostos a pagar os milleiros de euros de solucións baseadas en múltiples cámaras GoPro, o que parecen conseguir dignamente, aínda que é de agardar que en poucos meses poderamos ver produtos nesta liña moito mellores grazas ao incremento da súa resolución (dende 360fly incluso esperan comercializar o ano que vén un modelo con gravación de vídeo en ultra alta definición, o que suporía un importante salto na resolución do vídeo rexistrado).

A 360fly casa ben cos deportes de acción


Vídeo promocional da 360fly

PUBLICIDADE