3D Robotics presenta o seu cuadricóptero programable

luns, 26 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Dispositivos como o AR.Drone de Parrot están a popularizar o uso de cuadricópteros controlados dende dispositivos móbiles para captar imaxes en tempo real dende o aire, pero 3D Robotics quere levar a experiencia un paso máis adiante e anuncia o seu Iris, un dispositivo semellante que pode controlarse dende un dispositivo con Android (está en preparación a aplicación para iOS) ou a través dun transmisor de radio (incluído) pero que inclúe tamén un sistema de guiado por GPS, de xeito que pode fixarse un trazado para que o cuadracóptero o percorra en piloto automático.
O sistema de piloto automático do Iris funciona cun procesador ARM Cortex-M4 que conta cun sistema operativo en tempo real facendo uso de software desenvolvido durante máis de 4 anos por unha comunidade de máis de 40.000 usuarios. O software que permite a planificación das misións e a súa análise é multiplataforma (funciona en Windows, OS X e Linux). Aínda que o sistema conta cunha cámara, para usuarios máis esixentes é compatible co sistema de ancoraxe das cámaras GoPro.
Está xa dispoñible para a súa reserva, esperándose que os envíos comecen a realizarse o 16 de setembro, podendo adquirirse este completo cuadricóptero por a partir de 729,99 dólares (546,11 euros), estando dispoñible en numerosas opcións. O Iris de 3D Robotics pesa 1,28 quilos con batería e a súa autonomía de voo é de entre 9 e 14 minutos.


Vídeo de exemplo do Iris de 3D Robotics

PUBLICIDADE