400 estudantes recibiron formación tecnolóxica de ITG no último ano
xoves, 20 de febreiro do 2025
O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) fixo balance da súa actividade formativa en 2024, unha aposta do centro coruñés por “crear canteira TIC na Comunidade, contribuír á educación científico-técnica da mocidade galega e fomentar as vocacións STEM”. No balance faise saber que o ITG deu formación no último ano a preto de 400 estudantes de Secundaria, Bacharelato, Universidade e Posgrao de toda a xeografía galega.
O centro tecnolóxico ITG ten a vocación de “impulsar o coñecemento tecnolóxico desde idades temperás ata estudos de doutoramento” e así, en primeiro lugar, acolle de forma habitual a estudantes en prácticas, tanto de Grao como Posgrao, provenientes das tres universidades públicas galegas, así como da Universidade Carlos III/III de Madrid, Politécnica de Milán e Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), coas que o centro tecnolóxico tamén ten convenios de colaboración e ás que se sumará proximamente a Universidade de Oviedo. Ademais, moitos destes estudantes elixen realizar os seus traballos de fin de grao ou fin de mestrado no centro tecnolóxico. E, actualmente, tres alumnos do Mestrado Universitario en Informática Industrial e Robótica da Universidade da Coruña (UDC) desenvolven as súas teses de doutoramento en ITG.
O centro coruñés involucrouse tamén na creación de novos mestrados no ámbito tecnolóxico, como son o de Vehículos Autónomos e o de Xeomática avanzada e Intelixencia Xeoespacial, ambos da Universidade de Vigo. Así mesmo, impulsa xunto á UDC a Cátedra ITG-CITIC en Tecnoloxías de Aeronaves non Tripuladas.
Doutra banda, o centro tecnolóxico está involucrado no Congreso XoveTIC organizado pola Universidade da Coruña a través do CITIC, co que colabora desde a súa primeira edición en 2018 entregando un galardón ás mellores investigacións. En concreto, o premio ITG recoñece as presentacións de investigadores júnior no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC).
Na etapa de Formación Profesional, o ITG colabora co IES Urbano Lugrís, da Coruña, no proxecto FP Innova sobre medición con drons da cobertura 5G nas proximidades dunha antena de comunicacións. Nesta iniciativa, organizada pola Xunta de Galicia, o centro tecnolóxico coruñés ofrece aos estudantes participantes as súas instalacións e soporte técnico para a execución dos voos dos drons, así como o desenvolvemento dunha aplicación de Realidade Aumentada. Ademais, estudantes deste centro, así como do IES Fernando Wirtz acoden a ITG a realizar prácticas.
Outra das iniciativas formativas nos que participa o ITG, en colaboración coa Xunta de Galicia e as universidades galegas, é EduTecEmprende. A través deste programa, ITG dá a coñecer a súa actividade a estudantes de FP, ESO e Bacharelato. Os mozos teñen a oportunidade de coñecer o seu funcionamento e as tecnoloxías coas que traballa a través das experiencias do persoal do ITG, co obxectivo de impulsar as vocacións STEM e motivar o espírito emprendedor.
Ademais, a Liga Maker Drone, impulsada polo centro tecnolóxico ITG e a Fundación Barrié, é unha iniciativa pioneira na que estudantes de 2º curso de Educación Secundaria de centros de toda Galicia desenvolven unha solución dron para dar resposta a un reto de carácter social.
Na última edición da Liga Maker Drone, o alumnado con interese en carreiras STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) pasou do 54% ao 83% trala súa participación na competición. Este 2025 celebrarase a súa cuarta edición.