49 concellos lugueses contarán con redes Wi-Fi públicas

luns, 24 de setembro do 2012 Marcus Fernández

O pasado venres a Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a contratación para a creación de espazos Wi-Fi de acceso libre e de balde á Rede nos 49 concellos da provincia sumados ao proxecto tecnolóxico Innova-TE, que a Deputación impulsa co financiamento nun 80% da Unión Europea. Deste xeito dáse continuidade á iniciativa principiada na praza de San Marcos en Lugo, cunha conexión sen fíos que ofrécese de xeito gratuíto para o público coas limitacións esixidas para evitar lesionar á competencia do mercado das telecomunicacións.

Carpa cunha das actividades de Innova-TE en Lugo

A creación dos espazos Wi-Fi nos concellos lugueses conta cun orzamento de preto de 300.000 euros, e forma parte dun novo paquete de medidas aprobadas pola Xunta de Goberno da Deputación para estender e potenciar o uso das TIC na provincia por un valor global de 1,1 millóns de euros co financiados pola Unión Europea.
Para fornecer o tecido empresarial da provincia coa incorporación das TIC aos seus negocios tamén se desenvolverán 2 programas con preto de 500.000 euros de orzamento: Reacciona coas TIC (que achega asesoramento de balde para a implantación ferramentas tecnolóxicas por parte de autónomoas e emprendedores) e Lugo Innnova (con accións de difusión das vantaxes que supón ás empresas a incorporación das TIC).
Para completar estas accións, tamén se aprobou a elaboración dun informe de recomendación e o desenvolve dun proxecto piloto para fomentar o teletraballo co fin de abrir novas oportunidades laborais, mellorar a produtividade e facilitar a conciliación do traballo e a vida familiar; e deuse luz verde á realización de auditorías de seguridade informática nos concellos da provincia.

PUBLICIDADE