5 novos teléfonos da marca Nokia

luns, 26 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

No marco do Mobile World Congress, HMD Global presentou novos teléfonos da marca Nokia, entre os que hai 4 smartphones con Android e, curiosamente, a resurrección doutro teléfono clásico, o icónico Nokia 8110, ao que incorporóuselle conectividade 4G e aplicacións como o buscador de Google, Google Maps, Facebook e Twitter.
Dos smartphones presentados, o Nokia 8 Sirocco aspira a converterse nun digno competidor dos smartphones de alta gama doutros fabricantes, para o que equipouse con cámaras con óptica ZEISS e Dual-Sight (a súa cámara secundaria traseira conta cun zoom óptico de 2x), así como pantalla pOLED 2K de 5,5 polgadas curvadas nos extremos e cuns marcos moi reducidos, de xeito que loce moi semellantes que o resto de smartphones insignia do mercado. Este terminal chegará ás tendas a primeiros de abril a un prezo de 749 euros (antes de impostos).
Para chegar a un público máis amplo teremos o Nokia 7 Plus, que tamén conta con dobre cámara traseira (con zoom 2x na súa cámara secundaria), funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 660, ten unha batería de 3.800 mAh coa que promete unha autonomía de até 2 días e a súa pantalla de 6 polgadas ten unha proporción de 18:9 de xeito que o seu agarre sería como o dun teléfono 16:9 de 5,5 polgadas. Chegará ás tendas a primeiros de abril e o seu prezo será duns 399 euros (antes de impostos).
O Nokia 6 tamén renóvase, ofrecendo agora dobre cámara traseira ZEISS, procesador Qualcomm Snapdragon 630, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento (aínda que haberá un modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento que comercializarase máis adiante) que veremos nas tendas a partires de primeiros de abril a un prezo duns 279 euros (antes de impostos).
Pero a estes smartphones acompañounos nos escenario un produto moito máis modesto, o Nokia 1, un teléfono con Android Oreo (Go edition), ou sexa, cunha versión de Android destinada a dispositivos con pouca memoria RAM, que estaría destinado a usuarios que simplemente queren un teléfono para recibir chamadas e empregar ocasionalmente unhas poucas aplicacións como WhatsApp, Facebook ou Instagram. O prezo de 85 dólares (sen impostos) deste terminal deixa claro que estamos ante un dispositivo de gama baixa que principalmente vai dirixido a mercados emerxentes.

Volve o Nokia 8110

Pero, ao igual que o ano pasado Nokia xogou a carta da resurrección do Nokia 3310 para chamar a atención dos medios, este ano fixeron o mesmo co Nokia 8110, o famoso teléfono banana que tiña unha tapa deslizante protexendo o seu teclado e que saía nunha versión modificada no filme Matrix.
Este novo teléfono está equipado cun procesador Qualcomm 205, que tamén inclúe unha versión do clásico xogo da serpe como un aceno aos amantes do modelo orixinal, e que ofrecerá conectividade 4G para poder gozar de chamadas nítidas en redes modernas. Conta cunha tenda de aplicacións moi limitada, na que están dispoñibles o Asistente de Google, o buscador de Google, o servizo de mapas de Google, Facebook e Twitter; tamén serve para sincronizar contactos, axenda e correos electrónicos de Outlook e Gmail, pero carece de aplicacións consideradas imprescindibles para moitos usuarios como WhatsApp. Sairá á venda en maio en cores negra e amarela a un prezo de 79 euros (sen impostos).

O Nokia 8810 poderá mercarse en cor amarela, respondendo mellor ao seu alcume de teléfono banana

PUBLICIDADE