51 empresas recrutan o talento tecnolóxico da Universidade de Vigo

mércores, 12 de marzo do 2025 S. P.

A celebración do 25 aniversario do Foro Tecnolóxico de Emprego da UVigo arrincou este martes 11 de marzo consolidándose, segundo informaron fontes do Campus, como o evento máis importante deste tipo que se celebra en toda España e, en palabras do seu coordinador xeral, Iago Vázquez, “incluso en Europa”. A feira, centrada nas enxeñarías, é impulsada integramente por e para estudantes e nela participan 51 compañías de todos os sectores tecnolóxicos, dez máis que o ano pasado.
Detrás desta iniciativa está un equipo de coordinación formado por 17 estudantes das tres escolas de Enxeñaría do campus de Vigo (EE Industrial, EE de Telecomunicación e EE de Minas e Enxería) que, coa colaboración doutros 139 alumnos e alumnas, fixeron realidade esta 25 edición.
A cita arrancou cun acto institucional na EE de Telecomunicación, na que Iago Vázquez, coordinador xeral do Foro Tecnolóxico de Emprego, salientaba que para o alumando da UVigo este evento é “unha oportunidade única, na que poderán achegarse a empresas co obxectivo de construír as súas carreiras profesionais e dar o primeiro paso cara o seu futuro laboral”.
Pola súa banda, Patricia Leal, fundadora do primeiro Foro Tecnolóxico de Emprego en 2001 e actualmente responsábel global de Social Services at Minsai (Indra) agradeceu a todos os equipos de organización ter mantido “a chama do foro viva, non podo estar máis orgullosa da miña Universidade, da calidade humana e profesional dos enxeñeiros que aquí se forman”.
O reitor Manuel Reigosa tamén deu os parabéns ao alumnado e ás empresas participantes pola súa implicación e salientou a importancia das novas xeracións de profesionais para construír unha sociedade máis xusta. Para facelo, destacaba Reigosa, “precísase talento, que xa sabemos que o tedes; esforzo, que tamén o tedes, porque unha titulación nunha universidade pública non se regala; e visión, que agardo que a teñamos para crear unha Europa que poida ter unha voz no planeta”.
No acto de apertura tamén estiveron presentes a docente concelleira Ana Mejías, en representación do Concello de Vigo e David Regades, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca. Ambos puxeron en valor a importancia da educación pública e da formación de calidade para contar con profesionais capacitados que lideren o futuro de Europa.
Xunto con eles, asistiron tamén a este acto os representantes das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo, en concreto Elena Alonso, directora da EE de Minas e Enerxía; José Fariña, director da EE Industrial; Pedro Rodríguez, subdirector da EE de Telecomunicación.
Dende primeira hora da mañá e ata última hora do mércores, as escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Enxeñería Industrial e de Enxeñaría de Minas e Enerxía acolleron relatorios e mesas redondas, pero sobre todo obradoiros e dúas sesións de speed recruiting, un formato de entrevistas curtas con representantes de empresas, que adoita ser unha das actividades que ten máis éxito entre o alumando.
Con todo, o eixe central do foro é a feira de emprego con 51 postos doutras tantas compañías, dende grandes multinacionais e empresas estranxeiras ata firmas galegas e da área metropolitana de Vigo, “un récord histórico do foro”. Entre as empresas presentes, que buscan captar talento na UVigo están Borgwarner, Applus, EGATEL, FINSA, Gradiant, Oesía, Indra, KPMG, Marine Instruments, Norvento, Optare Solutions, CEAGA, COREN, Profand, Marine Instruments, Televés ou a spin-off da UVigo Alén Space.
Unha das novidades desta edición de aniversario é a extensión a todos os Campus da UVigo, polo que por primeira vez o Foro Tecnolóxico de Emprego conta coa asistencia de estudantes de Ourense e Pontevedra, procedentes das escolas de Enxeñaría Informática, Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Enxeñaría Agraria e Enxeñaría Forestal. Por este motivo, apostouse por buscar a implicación de empresas de todos os eidos da enxeñaría e as tecnoloxías, para que “todos os sectores estean cubertos”.
Se esta edición é de récord pola cantidade de empresas participantes, a organización agarda que tamén o sexa no que atinxe ao alumnado. O obxectivo é superar as cifras do 2024, ano no que o Foro Tecnolóxico de Emprego contou con 1200 participantes e máis de 300 currículos entregados a empresas.