650 escolares e docentes xúntanse no primeiro encontro de centros do programa Radio na Biblio
xoves, 18 de decembro do 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou esta mañá no primeiro encontro de centros integrados no programa Radio na Biblio, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia. A xornada, celebrada na Cidade da Cultura, congrega 650 escolares de 5º e 6º de Primaria xunto con docentes pertencentes ás emisoras escolares dos seus respectivos centros, co obxectivo de recoñecer o labor desenvolvido e poñer en valor a radio como ferramenta educativa.
Durante o encontro, Román Rodríguez destacou a contribución do programa ao desenvolvemento das competencias lingüísticas do alumnado e, especialmente, ao fomento do traballo en grupo, un aspecto clave para favorecer a convivencia dentro da comunidade educativa. A xornada, conducida pola xornalista Esther Estévez, incluíu entrevistas realizadas por alumnado do Colexio de Petelos (Mos) ao propio conselleiro, á piragüista Teresa Portela e ao divulgador cultural Miguel Ángel Cajigal, coñecido como El Barroquista.
Os participantes tiveron tamén a oportunidade de achegarse ao funcionamento dos medios de comunicación profesionais a través de encontros con xornalistas do sector. Neste marco, alumnado do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Sober) e do CEIP Plurilingüe Nosa Señora de Xuvencos (Boborás) entrevistou a Kike Magdalena (Radio Galega), Andrea Oca (Radio Nacional), Mario Moreno (Cadena SER), Ignacio Capeáns (Onda Cero), Patricia Iglesias (COPE) e Eva Millán (Radio Voz).
O programa da xornada completouse con obradoiros simultáneos de teatro radiofónico, laboratorio de radio e locución e expresión oral, impartidos polo actor Artur Trillo, os xornalistas Sergio Pascual e Susana Bastón, e as actrices e escritoras Cris Collazo, Soledad Felloza e Charo Pita.
Centros participantes
Pola provincia da Coruña participan os CEIP Plurilingüe A Cristina (Carballo), CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña), CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol), CEIP Plurilingüe da Rabadeira (Oleiros), CEP Xosé María Brea Segade (Rianxo), CEIP Lamas de Abade (Santiago de Compostela) e CPI Plurilingüe de Fonte-Díaz (Touro). Desde Lugo asisten os CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño (Begonte), CEIP de Cervo (Cervo), CPI Plurilingüe Virxe do Monte (Cospeito), CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos (Monforte de Lemos) e CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Sober).
Da provincia de Ourense participan os CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro (Barbadás), CEIP Plurilingüe Nosa Señora de Xuvencos (Boborás), CEIP O Couto (Ourense), CPI Plurilingüe José García García (Ourense) e CEIP Padre Crespo (Xunqueira de Ambía), mentres que por Pontevedra asisten os CEIP de Corvillón (Cambados), CEIP do Foxo (A Estrada), CEIP Valle-Inclán (O Grove), CEIP Plurilingüe As Covas-Meaño (Meaño), CEIP de Petelos (Mos), CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) e CEIP Ramón de Valenzuela (Silleda).
Un programa consolidado
Radio na Biblio cumpre neste curso o seu noveno ano de funcionamento e chega xa a 245 centros educativos, nos que se desenvolve un laboratorio de radio orientado ao traballo de competencias relacionadas coa alfabetización mediática, a expresión oral e escrita e as habilidades lingüísticas. Trátase dunha iniciativa plenamente consolidada que aproveita a creación dunha emisora escolar nas bibliotecas para abordar contidos curriculares mediante metodoloxías activas e innovadoras.
O uso das tecnoloxías da información e da comunicación facilita, ademais, que a radio se converta nunha ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas dos centros. O programa enmárcase no Plan LÍA 2021-2025 de bibliotecas escolares, que reforza propostas orientadas á formación do alumnado no acceso crítico e responsable aos medios de comunicación e á información en múltiples formatos.
