70 persoas participan no curso superior en protección de datos de AMTEGA e o Nodo CIBER.gal

mércores, 2 de outubro do 2024 S. P.

Un total de 70 persoas empregadas públicas participan dende este 2 de outubro na terceira edición do Curso superior en protección de datos, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Nodo CIBER.gal. O curso foi inaugurado pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; e o director da acción formativa, Gustavo Herva Iglesias.
A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, incidiu na importancia de que o desenvolvemento das novas tecnoloxías a nivel da Administración pública vaia acompañado dunha clara preocupación pola seguridade como factor decisivo na implantación da Administración Electrónica e da Sociedade da Información. Sonia Rodríguez-Campos resaltou “o apoio constante” da Escola a todas aquelas actividades formativas que “contribúan á capacitación dos empregados públicos e garantir unha administración máis eficiente e segura”. Sinalou tamén que “este curso comporta unha relevancia especial dentro do sector público como consecuencia do auxe da Administración Electrónica, que trae consigo numerosos retos aos que os empregados públicos deberán facer fronte”.
Pola súa banda, Julián Cerviño, destacou a importancia de que as persoas que traballan nas administracións públicas coñezan o funcionamento e a súa responsabilidade nos procesos que implican o procesamento de datos de carácter persoal. Indicou tamén que “debemos estar preparados para estes novos escenarios, sobre todo tendo en conta a aposta de Galicia pola especialización tecnolóxica como oportunidade para reducir as fendas entre os territorios rurais e urbanos, para gañar calidade de vida ou para xerar riqueza e emprego”.
De seguido, Elena Davara e Laura Davara ofreceron unha clase maxistral sobre as 10 pautas para cumprir en protección de datos e 10 pautas para redes sociais.
Obxectivos
A terceira edición do Curso superior en protección de datos, cunha duración de 115 horas, pretende afondar no coñecemento da protección de datos, tanto dende unha perspectiva técnico-xurídica como práctica. Os obxectivos desta acción formativa de modalidade mixta (presencial, telepresenza e teleformación) son “concienciar ao alumnado sobre a importancia do dereito fundamental á protección de datos persoais, para o que é necesaria a aplicación de boas prácticas de acordo coa normativa vixente”. Tamén abordará os principios básicos de seguridade e as medidas que é necesario implantar nos sistemas de información dende a perspectiva do risco. Así mesmo, proporcionará unha visión global da protección de datos persoais, así como as funcións e responsabilidades das persoas que interveñen no seu procesamento.
Entre as materias que se impartirán destacan a responsabilidade da Administración pública no tratamento dos datos; os dereitos da cidadanía respecto ao tratamento dos seus datos persoais; a normativa e o réxime sancionador; o esquema nacional de seguridade; a protección de datos persoais en saúde, menores e na Xunta de Galicia; a garantía dos dereitos dixitais na Lei orgánica de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPDGDD); a Intelixencia Artificial nas administracións públicas ou a videovixilancia, entre outros temas.