797,72 millóns de euros de multa a Meta por prácticas contra a competencia
xoves, 14 de novembro do 2024
Hai un par de anos a Comisión Europea comunicou abertamente que consideraba que Meta abusaba da súa posición dominante en redes sociais ao lanzar Facebook Marketplace, e agora por fin concreta a sanción que corresponde a estas prácticas en contra da competencia, que queda fixada en 797,72 millóns de euros.
A Comisión Europea ven dúas grandes infraccións por parte de Meta: por unha banda o lanzamento dun servizo de anuncios clasificados (Facebook Marketplace) dentro da súa plataforma social (Facebook) de xeito que todos os seus usuarios de súpeto tiñan acceso a unha nova plataforma de comercio electrónico aínda que non o desexasen e conseguindo de vez unha base de usuarios contra a que outras plataformas non serían capaces de competir; e por outra banda tamén consideran que Meta impoñía condicións inxustas a servizos de anuncios clasificados externos se querían anunciarse en Instagram e Facebook (para beneficio de Facebook Marketplace).
A Comisión Europea non só impón esta importante sanción, senón que tamén pide a Meta que cese este tipo de condutas que atentan contra a competencia.