8BitDo prepara un mando para móbiles

venres, 25 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Son moitos os accesorios que teñen saído ao mercado nos últimos anos para achegar un sistema de control semellante ao dos mandos de consola a dispositivos móbiles, e finalmente 8BitDo lanza a súa primeira solución nesta liña: o 8BitDo Ultimate Mobile Gaming Controller.
Estamos ante un mando como o dunha consola que conta cun espazo central no que poder colocar un smartphone co que se comunica a través de Bluetooth, permitindo así un control preciso en videoxogos móbiles e tamén en videoxogos a través da nube. Este mando en concreto estará dispoñible en branco ou negro a un prezo de 49,99 dólares (o que resulta bastante económico en comparación con accesorios equivalentes de marcas como Razer, GameSir ou Backbone).
Aínda que 8BitDo presuma do deseño da cruceta, dos botóns e dos gatillos deste mando, realmente o que está a resultar máis atractivo é que tanto os gatillos como as pancas de xogo conta con Hall Effect, o que vén a ser unha garantía de que non van padecer os problemas de desgaste que teñen moitos dos mandos que hai actualmente no mercado (lembremos o caso dos Joy-Con de Switch, que padecen graves problemas de drifting).
O novo mando para móbiles de 8BitDot contará con batería de 350 mAh, o que permiten até 15 horas de xogo tras hora e media de carga, e a súa estrutura pode adaptarse a móbiles que midan entre 100 e 170 milímetros (polo que serviría practicamente para calquera smartphone con Android 9 ou superior).