8BitDo presenta un teclado que evoca aos dos IBM PC clásicos
xoves, 30 de maio do 2024
Dende 8BitDo comercializan moitos accesorios informáticos con aires retro, pensando principalmente na nostalxia cara ás consolas de videoxogos clásicas, pero nesta ocasión tamén entenden que hai usuarios que botan en falla dispositivos como os teclados mecánicos dos ordenadores de sobremesa IBM PC, polo que anuncian o 8BitDo Retro Mechanical Keyboard – M Edition.
Estamos ante un teclado que pode lembrar aos dos ordenadores clásicos de IBM, aínda que cun formato de 87 teclas (comercializarán un teclado numérico por separado), a posibilidade de empregalo sen fíos, teclas programables e incluso unha roda de volume, de xeito que fusionan a estética retro coas funcionalidades propias dos teclados da marca.
O teclado pode conectarse por cable, por Bluetooth 5.0 ou sen fíos (cun adaptador USB que pode agocharse no propio teclado cando non se emprega), as súas teclas son intercambiables (como acontecía nos teclados de IBM), e funciona sen problemas tanto en Windows como en Android.
Como grande curiosidade, inclúe un par de botóns programas de grande tamaño, que poden programarse para executar macros ou calquera outra función, sendo posible conectar até 4 parellas destes botóns a un mesmo teclado (así como outros accesorios da marca, como botóns e pancas de xogo).
O teclado tamén integra unha batería de 2.000 mAh, o que permite até 200 horas de uso tras 4 horas de carga.
Sairá á venda o vindeiro 15 de xullo, estando xa dispoñible para a súa reserva en Amazon.com, mentres que en Amazon.co.uk a súa chegada está prevista para o 31 de xullo. Cómpre salientar que en calquera dos casos o teclado non está en español, nin a disposición das teclas corresponde co estándar ISO ao que a meirande parte dos españois estamos familiarizados.