9,75 millóns de euros para a creación e mellora das infraestruturas de investigación dos centros tecnolóxicos galegos

mércores, 20 de agosto do 2025 Redacción

Os centros tecnolóxicos galegos poderán solicitar desde mañá a convocatoria de Fortalecemento de centros tecnolóxicos, cun orzamento de 9,75 millóns de euros repartidos en catro anualidades ata 2028, destinada á creación e mellora de infraestruturas de investigación. Trátase dunha das medidas do programa Activa I+G+i, orientado a impulsar a colaboración entre empresas e a transferencia de resultados, no marco do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
A liña de axudas, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, prevé unha mobilización público-privada de 19,5 millóns de euros e ten como finalidade reforzar os centros tecnolóxicos galegos mediante investimentos en infraestruturas de investigación e apoio á experimentación. Con esta mellora de capacidades, a Xunta de Galicia procura favorecer o crecemento destes centros, potenciar a súa excelencia internacional e reforzar a transferencia cara ao tecido produtivo, especialmente ás pemes.
Entre as novidades da convocatoria destaca a posibilidade de que os centros que xa contan con equipamento financiado en edicións anteriores poidan destinar os fondos deste ano a obras de mellora neses espazos sen necesidade de adquirir novo material. Esta é a cuarta edición desta liña, que apoiou nas tres anteriores 19 proxectos cun investimento conxunto de case 20 millóns de euros.
Os centros poderán presentar solicitudes ata o 29 de setembro. As actuacións subvencionables inclúen investimentos en terreos, edificios ou instalacións para a construción, reforma ou adaptación das infraestruturas, sempre que a proposta contemple tamén a adquisición de equipamento científico-técnico que represente polo menos o 30 % do orzamento. Tamén se financiarán custos vinculados directamente ás infraestruturas, como a compra de patentes, licenzas ou outros dereitos de propiedade intelectual. Para ser beneficiarios, os centros deberán acreditar excelencia, viabilidade na posta en marcha da proposta e impacto.
A convocatoria enmárcase no programa Activa I+G+i, que destina preto de 53 millóns de euros a través de catro grandes liñas: Nexos (28 millóns), Unidades Mixtas de Investigación (12 millóns), Fortalecemento de centros tecnolóxicos (9,75 millóns) e Recuperación da excelencia Neotec (3 millóns). En conxunto, estímase unha mobilización público-privada de máis de 100 millóns de euros.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP incide con estas axudas, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, no apoio ás pequenas empresas para fomentar unha I+D+i colaborativa e impulsar a transferencia de coñecemento en beneficio da cidadanía.