997 millóns de euros de multa a Qualcomm por abuso de posición dominante

mércores, 24 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

A Comisión Europea fixou en 997 millóns de euros a sanción que impón a Qualcomm por abuso de posición dominante no mercado dos procesadores LTE cos que funcionan os smartphones, por considerar que Qualcomm procurou evitar a competencia realizando pagos significativos a clientes cruciais coa condición de que non traballasen cos seus rivais, o que incumpre coas normas antimonopolio da Unión Europea.
A responsable da política da UE, a comisaria Margrethe Vestager asegurou en rolda de prensa que «Qualcomm pagou millóns de dólares a un cliente crucial, Apple, para que non mercarse aos seus rivais. Estes pagamentos non foron simples rebaixas de prezo, senón que puxeron condicións para que Apple mercase en exclusiva os chipsets de baseband de Qualcomm para todos os seus iPhone e iPad. Iso significa que ningún rival podería competir efectivamente con Qualcomm, con independencia do bos que fosen os seus produtos. O comportamento de Qualcomm negou aos consumidores e a outras compañías unha maior elección e innovación».
Aínda que Qualcomm sexa o meirande subministrador dos procesadores que facilitan a conexión con redes LTE, hai máis fabricantes no mercado, como Intel, e, de feito, constan documentos internos de Apple nos que confírmase que estaban a considerar recorrer a Intel para parte dos seus chipsets.
O acordo entre Qualcomm e Apple expirou en setembro de 2016, polo que a sanción castigaría as prácticas da compañía entre 2011 e 2016 (durante 5 anos, 6 meses e 23 días) e a cantidade fixada, 997.439.000 euros, correspondería ao 4,9% dos ingresos de Qualcomm en 2017. Búscase así persuadir á compañía de realizar prácticas semellantes no futuro.

PUBLICIDADE