Os lanzamentos progresivos son algo moi habitual nos videoxogos móbiles, principalmente para poder axustar os seus servidores e certas mecánicas xogables para conseguir un equilibrio que facilite o seu éxito, aínda que nalgúns casos sorprende que grandes franquías adíen tanto o seu lanzamento global como Star Wars: Rivals, o primeiro shooter de acción competitiva en tempo real de Star Wars para dispositivos móbiles, que veu a luz o pasado mes de xuño, pero que polo momento só está dispoñible en Australia, Nova Zelandia, Canadá, México, Brasil, Arxentína, Perú, Chile, Malaisia e Filipinas.
Por fin parece que o lanzamento global é inminente, de xeito que en Google Play xa é posible rexistrarse para recibir un aviso cando o xogo chegue oficialmente ao noso mercado, para así convidarnos a vivir enfrontamentos entre Luke Skywalker e Darth Vader, Jynn Erso e o director Krennic, Finn e a Capitana Phasma, Salacious Crumb e R2-D2, o almirante Ackbar e Grand Moff Tarkin…
Star Wars: Rivals contará con arenas de xogador contra xogador, nas que haberá que evitar recibir dano empregando estratexicamente o contorno, para logo atacar e destruír aos inimigos, podendo incluso cambiar de heroe durante a batalla, podendo así mudar ao instante o xeito de xogar; poderemos formar equipos de combate con personaxes como Darth Vader, Boba Fett ou Luke Skywalker; poderemos experimentar as rivalidades que naceron na grande pantalla (como Han Solo contra Boba Fett); poderemos empregar armas que resultarán familiares para os seareiros das películas (como a besta de Chewbacca ou a pistola DL-44 de Han Solo), mentres que algúns personaxes terán habilidades de seu (como o uso da Forza por parte de Darth Vader); os escenarios serán os que puidemos ver nas distintas películas da saga; e tamén instarase ao xogar a tomar partido por unha mesma facción e inscribirse en gremios para establecer estratexias de equipo.
O xogo será de balde, pero integrará compras dentro da aplicación, así como publicidade (tanto de empresas da Disney como de terceiros).
Vídeo no que podemos ver como será Star Wars: Rivals en acción
