Aproveitando a celebración de ExpOtaku en A Coruña, o vindeiro sábado ás 20:00 horas presentarase o Master en Creación de Videojuegos da European Business Factory (EBF), que en contraste con outros mestrados ten unha forte carga humanística para que os alumnos aprendan a pensar o videoxogo (analizando a historia do medio), explorar o seu deseño e desenvolvemento (aprendendo a traballar con Blueprints en Unreal, así como animar e deseñar personaxes e escenarios dende cero) e tamén a coñecer as técnicas de marketing necesarias para publicar e vender a idea dun videoxogo e destacar nun mercado tan competitivo.
O mestrado terá unha duración de 500 horas e desenvolverase os venres de 16:00 a 21:00 horas e os sábados de 9:00 a 14:00 horas, e aínda que non esixe título universitario ou ciclo superior, recomendan vocación artística e paixón polo medio.
O prazo de matrícula para este mestrado está xa aberto, podendo informarse sen compromiso sobre o mesmo ata o 7 de xuño, sendo a presentación no recinto de EXPOCoruña unha boa oportunidade para afondar nos contidos e formato deste mestrado profesional.
O vindeiro sábado presentarase na Coruña un novo mestrado sobre a creación de videoxogos
Compartir Este Artigo

