A serie de xogos de plataformas de SEGA, Monkey Ball, nacida en máquinas recreativas en 2001 pero que conseguiu o éxito como Super Monkey Ball en consolas de videoxogos e incluso en dispositivos móbiles, está de volta con Super Monkey Ball: Banana Blitz HD, título que chegará a Nintendo Switch, PS4 e Xbox One o vindeiro 29 de outubro, tendo prevista tamén unha versión para PC no inverno. O prezo de venda recomendado será de 39,99 euros.
O título deste xogo pode resultar familiar, xa que realmente trátase dunha versión en alta definición do Super Monkey Ball: Banana Blitz que en 2006 saíu para Wii, pero que agora chega a máquinas modernas, cunha aparencia gráfica renovada e controis optimizados para cada plataforma.
Este novo título estrea o modo de xogo Decathlon, no que haberá que superar 10 minixogos seguidos, e tamén incorpora clasificacións en liña, para poder competir en puntuacións contra usuarios de todo o mundo.
Tráiler de presentación de Super Monkey Ball: Banana Blitz HD

