Os drons métense nas nosas vidas, toda vez que demostraron plenamente as súas moitas utilidades sempre e cando se usen de xeito racional, seguro e ordenado. Sabiamos que poden salvar vidas, protexer o medio ambiente, promover turisticamente unha comarca ou mellorar o noso coñecemento xeográfico, pero se cadra estaba aínda por explotar o seu potencial como ferramentas formativas en si mesmas. Disto, de tirar partido dos vehículos aéreos non tripulados para estimular as vocacións científico-tecnolóxicas, trata en boa medida o ITG Maker Drone que vén de presentar o Instituto Tecnolóxico de Galicia, con sede na Coruña.
Trátase dunha nova actividade a medio camiño entre obradoiro e competición: a primeira liga intercolexial de drons que se organiza en España, dirixida a centros docentes e cun forte compoñente formativo e medioambiental. De feito, segundo nos conta Jorge Seoane Brandariz, responsable de I+D da área de sistemas aéreos non tripulados do ITG (e coordinador desta iniciativa), o ITG Maker Drone apoia boa parte da súa actividade no lanzamento dun reto ambiental para os colexios, concretamente para os escolares de terceiro da ESO.
O obxectivo desta proposta de superación? Fomentar o uso educativo destes aparellos aéreos, promover o talento e as vocacións científico-tecnolóxicas, demostrar o potencial deste ámbito como profesión de futuro e promover o coidado do medio ambiente.
Nesta primeira edición, concibida como un proxecto piloto coa intención de ampliar o abano de centros en próximas edicións, participan os colexios coruñeses Obradoiro, Liceo La Paz, Franciscanas e Fogar de Santa Margarita.
A primeira fase de formación, dirixida tanto a profesores da materia de tecnoloxía como a 340 alumnos e alumnas, xa comezou e rematará no mes de decembro. Segundo informa o ITG, o día 11 de decembro celebrarase no auditorio da sede de ITG dos Cantóns (Fundación Barrié de La Maza) a presentación do reto específico que terán que deseñar durante os meses de xaneiro e abril de 2020.
“Coa formación específica que lles estamos a subministrar, as mozas e mozos deberán preparar xunto aos seus profesores unha solución electromecánica que permita ao dron resolver un reto ambiental”, explica Seoane, engadindo que en maio de 2020 desenvolverase a xornada final, “un evento no que se realizarán as demostracións das solucións deseñadas por cada un dos equipos participantes e no que un xurado, formado por representantes do ámbito académico, institucional e empresarial valorará os traballos presentados atendendo a criterios como o peso, o deseño, a creatividade ou a destreza na resolución do reto práctico exposto”.
Para Carlos Calvo, director do instituto galego responsable do programa, “ITG Maker Drone é froito da responsabilidade do noso centro tecnolóxico en trasladar á sociedade a importancia e o valor do coñecemento tecnolóxico, de xeito se poida utilizar como ferramenta de axuda para a resolución de problemas que nos afectan a todos”. Trátase, engade, “dun reforzo educativo que permite mellorar o desenvolvemento do razoamento lóxico, o pensamento crítico e o traballo colaborativo”.
Arranca en catro colexios da Coruña a liga estatal de drons impulsada polo ITG
Compartir Este Artigo

