Para dar a coñecer as súas grandes novidades das franquías pertencentes ao Universo DC a Warner Bros organizou durante a fin de semana un evento en liña chamado DC FanDome, no que estrearon numerosos vídeos promocionais de filmes e outros proxectos como o vindeiro videoxogo da saga Batman Arkham, que correría a cargo de Warner Bros. Games Montreal (estudio detrás de Batman: Arkham Origins) e que baixo o título de Gotham Knights colle o relevo dos xogos anteriores sen ser unha secuela directa, correndo un grande risco: prescindir do seu protagonista.
Gotham Knights sería un xogo protagonizado por Robin (Tim Drake), Batgirl (Barbara Gordon), Nightwing (Dick Grayson) e Red Hood (Jason Todd), quen sucederían a Batman (Bruce Wayne) como gardiáns de Gotham tras o pasamento do cruzado da capa, e que aproveitarían esta situación para achegar unha proposta na que o usuario pode optar por gozar dunha ampla aventura pola cidade de Gotham de xeito individual ou cooperando con outro xogador, contando en ambos casos con compoñentes de xogo de rol como a progresión e o desbloqueo de habilidades.
Esta nova proposta na que haberá que enfrontarse a inimigos como Mr. Freeze ou o Tribunal dos Bufos (creación bastante recente na banda deseñada, que conseguiu moita relevancia nas historias de Batman), ten previsto o seu lanzamento en 2021 con versións para PlayStation 4, PlayStation 5, Xbox One, Xbox Series X e PC.
Tráiler de presentación de Gotham Knights
Vídeo no que podemos ver o futuro xogo en acción

