Os seareiros dos xogos de acción en primeira persoa por fin teñen aquí a súa ración anual do grande referente do xénero, Call of Duty: Black Ops Cold War, que sae á venda en versións para PS4, PS5 (que xa está dispoñible nos EE.UU., de aí que xa poidamos atopar xogos para esta plataforma en tendas), Xbox One, Xbox Series X/S e PC.
Estamos ante un lanzamento interxeneracional bastante curioso, xa que estarán dispoñibles versións estándar do xogo para Xbox One e PlayStation 4 que serán compatibles coas novas consolas mediante retrocompatibilidade, aínda que tamén estará dispoñible unha versión por 5 euros adicionais que incluirá a versión do xogo para Xbox Series X/S e PlayStation 5, ou sexa, que Activision quere deixar claro que os xogos da nova xeración serán máis caros.
Neste novo Call of Duty, secuela directa de Black Ops, trasladarémonos a primeiros dos anos 80, en plena Guerra Fría, momento histórico que verase ben reflectido na campaña para un xogador, pola presenza de figuras históricas. A acción transcorrerá tamén en escenarios icónicos da época, como Berlín Este, Vietnam ou a sede do KGB, mentres se seguen os pasos de Perseus, figura que busca desestabilizar o equilibrio de poder mundial, conspiración que teremos que frustrar.
Aparte da épica campaña para un xogador tampouco faltan modos multixogador e o xa habitual modo zombis.
Tráiler de lanzamento do novo Call of Duty

