Aínda que podemos ter a percepción de que a nova xeración de consolas está dominada pola PlayStation 5, resultando case invisibles a novas Xbox Series X|S, a Microsoft non parece estar a irlle nada mal no negocio das consolas grazas á súa aposta polos servizos, e como mostra temos o importante incremento de subscritores de Xbox Game Pass, servizo que ofrece máis dun cento de xogos por unha cota fixa, que pasou de 15 millóns de subscritores en setembro a rexistrar 18 millóns de usuarios que pagan mensualmente polo servizo.
Cómpre lembrar que Xbox Game Pass ten agora unha variedade Ultimate que tamén inclúe a cota de Xbox LIVE Gold e ofrece a posibilidade de xogar ao seu catálogo de xogos mediante streaming, funcionalidade dispoñible para smartphones e tabletas con Android, pero que no futuro quere chegar a ordenadores persoais e televisores, converténdose na solución de xogo na nube máis atractiva do mercado.
Ao presentar estes resultados, o director xeral de Microsoft, Satya Nadella, tamén desvelou que actualmente Xbox LIVE ten máis de 100 millóns de usuarios activos ao mes e tamén afirmou que as súas novas consolas foron as que máis venderon no seu primeiro mes na historia de Xbox, o que pode sorprender se temos en conta que a Xbox Series X esgotouse no día de lanzamento e non foi posible facerse con máis unidades nas seguintes semanas.
Xbox Game Pass chega aos 18 millóns de subscritores
Compartir Este Artigo

