Ziggurat Interactive e 612 Games están a colaborar na recuperación de varios xogos clásicos de Data East, que trunfaron en salóns recretivos a finais dos 80 e comezos dos 90, de xeito que en breve veremos como chegan a ordenadores persoais 15 títulos dos que xa se coñecen os 8 primeiros, que poderán adquirirse en GOG, en Steam e na Humble Bundle store.
Esta primeira vaga de xogos que chegará o día 3, e que no seu lanzamento terán un 33% de desconto, está composta polo emblemático Bad Dudes vs. Dragon Ninja, o moi lembrado Express Raider e un dos meirandes éxitos do seu tempo, Joe & Mac: Caveman Ninja; aos que acompañarán títulos menos representativos como Gate of Doom, Heavy Barrel, SRD – Super Real Darwin, Super BurgerTime e Two Crude, quen sen chegar a ter tanto éxito como os anteriores, son tamén unha boa mostra dos xogos do seu tempo, e que agora poderemos recuperar nos nosos equipos informáticos, para o que podemos gozar dos mesmos cos seus gráficos orixinais ou con filtros de imaxe que simulan as pantallas de tubo das máquinas recreativas para unha experiencia máis retro.

