Nas últimas semanas anunciouse que o xogo que foi un dos grandes éxitos para PlayStation 4 do pasado verán, Fall Guys: Ultimate Knockout, chegará o vindeiro verán a consolas Xbox e Nintendo Switch, o que podería facer que este título recuperase o seu pulo inicial ao chegar a un público moito máis amplo, o que parece ser a esperanza de Epic Games, que vén de anunciar a compra dos desenvolvedores de Fall Guys, o Tonic Games Group.
A compra de Tonic por parte de Epic Games servirá principalmente para que o estudio de videoxogos poida acelerar os seus plans de mellora de Fall Guys por contar con maiores recursos, o que debería servir para que cheguen a un público cada vez maior.
Dende Tonic aseguran que a compra por parte de Epic Games non afectará ás mecánicas actuais de Fall Guys, de xeito que continuaremos a ter un xogo que a través de novas tempadas vai incorporando contidos e características; e incluso matizan que o xogo continuará a estar á venda nas tendas actuais. De feito incluso lembran que un dos grandes éxitos de Epic, Fortnite, ten un sistema de contas e permite o xogo cruzado, polo que Fall Guys podería evolucionar nesa liña, dando lugar a experiencias en liña máis completas e versátiles.
Epic Games adquire o estudio detrás de Fall Guys
Compartir Este Artigo

