Hai un par de anos Google decidiu acompañar os seus altofalantes conectados cunha pantalla no seu Nest Hub, produto do que veñen de presentar a súa segunda xeración, que conserva o seu deseño, limitando basicamente a súa actualización a unha mellora da calidade sonora (potencia un 50% máis os graves) e a incorporación dun sensor de movemento Soli para que, se temos colocado o dispositivo no dormitorio poidamos empregalo como monitor da nosa calidade de sono, xa que o Nest Hub analizará os movementos e a respiración da persoa que teña máis preto, o que facilita un seguimento do descanso nocturno sen usar cámara nin unha pulseira, de xeito que pode resultar unha prestación atractiva.
A nivel de prestacións, o Nest Hub ten unha pantalla táctil de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, 3 micrófonos de longo alcance (que poden silenciarse e serven para empregar o asistente de Google), un altofalante cun driver de 1,7 polgadas, sensores de movemento, luz ambiental e temperatura, conectividade Wi-Fi 5, Bluetooth 5.0, e tamén integra Chromecast (de xeito que, aparte de contidos de YouTube, Netflix, Disney+, Spotify, Apple Music, Google Photos e outros servizos, tamén pode reproducir contidos de moitas outras fontes).
A prestación de monitorización do sono estará en probas durante todo o ano, para ir mellorando a prestación, e incluso están a explorar a posibilidade de que poida combinarse coa monitorización de sono de Fitbit.
Polo momento, o novo Nest Hub pode reservarse a un prezo de 99,99 dólares en EE.UU., Canadá, Reino Unido, Alemaña, Francia e Australia.
Explicación do funcionamento do sistema de monitorización de sono do Nest Hub

