Epic Games presenta unha das campañas de colaboración con outras marcas máis inesperadas, xa que introduce en Fortnite deseños de Balenciaga, que poderán agora vestilos Ramírez, Perrete e moitos outros, para expresarse no xogo dun modo nunca visto.
Fortnite recibe elementos cosméticos como os traxes de Ramírez desencadeada, Banshee á moda e Cabaleiro gamer, destacando o feito de que a indumentaria dixital de Perrete está baseada nunha colección real de Fortnite e Balenciaga que chegará a tendas de todo o mundo e que tamén pode adquirirse en liña.
Resulta bastante rechamante ver como un xogo orientado á mocidade inspira produtos de luxo, como camisetas de 365 euros, gorras de 295 euros, suadoiros con capucha de 565 euros e chaquetas de 990 euros que locen o logotipo de Fortnite acompañado pola marca Balenciaga, cando intuitivamente pensariamos que ambos selos pertencen a mundos radicalmente diferentes.
Volvendo ao xogo de Epic Games, aparte dos traxes mencionados tamén estarán dispoñibles distintas mochilas co estilo Balenciaga que poderán empregarse como accesorio; o estilo da marca de alta costura tamén estará presente na arma Pico Deportiva desenfreada, nunha á delta, nun envoltorio e nun xesto. Tamén será posible desbloquear graffitis de Perrete á moda e de Aspecto de cabaleiro.
Vídeo no que presentan a liña de Balenciaga dentro de Fortnite

