En novembro teremos no mercado as novas lentes de sol Soundcore Frames con audio, que destacan por ter un deseño elegante con 10 monturas distintas a elixir, das que unha contará con cristais polarizados que bloquean o 99% dos raios ultravioleta.
Estas lentes integrarán 4 altofalantes situados ao redor dos ouvidos do usuario e 2 micrófonos para conseguir captar a voz de xeito nítido eliminando o ruído ambiental, de xeito que poden empregarse para escoitar música ata 5,5 horas seguidas, así como para realizar chamadas de voz. Tamén contarán con resistencia IPX4, de xeito que sobrevivirían a molladuras accidentais.
Non son as primeiras lentes con son Bluetooth do mercado, pero si son as primeiras con tal diversidade de estilos, e incluso contan cunha páxina web para poder probar virtualmente como nos sentarían as distintas monturas para que poidamos elixir a que máis encaixa co noso estilo persoal.
Prevese que Amazon vaia vender as Soundcore Frames a partir do 1 de novembro a un prezo de 199,99 dólares, podendo adquirirse cada montura adicional por 49,99 dólares, aínda que tamén poderán mercarse a través de moitos outros distribuidores, entre os que non faltaría a propia marca Anker, que resulta ser a propietaria desta liña de lentes de sol con audio integrado.
Anker prepara unhas lentes con son integrado
Compartir Este Artigo

