Microids, a compañía que editou o aclamado remake do clásico xogo de recreativas Toki, anuncia que vai recuperar outro clásico, Joe & Mac: Caveman Ninja, que chegará a ordenadores e consolas en 2022 grazas ao traballo de Mr. Nutz Studio, responsable de Toki e Astérix & Obélix: Slap Them All.
O novo Joe & Mac: Caveman Ninja non se limitará a ser un remake do xogo para máquinas recreativas, xa que aproveitarán a ocasión para introducir novidades e incluso engadirán novos niveis, o que agradecerán os seareiros destes homes prehistóricos que teñen que superar numerosas ameazas para rescatar ás mulleres da súa tribo, e que poderán verse representados con gráficos totalmente redebuxados, para lucir ben en alta definición na liña do que se fixo antes con Toki.

