Bandai Namco anunciou hoxe un novo xogo baseado na franquía de As Bólas Máxicas que é toda unha sorpresa, Dragon Ball: The Breakers, xa que non é unha aventura nin un xogo de loita senón que estamos ante un título multixogador asimétrico de supervivencia que en 2022 chegará a PS4, Xbox One, Nintendo Switch e PC, que proximamente terá unha beta pechada para PC.
Estamos ante unha produción ambientada no universo de Dragon Ball Xenoverse, permitindo que o xogador empregue a un dos rivais clásicos da franquía (o axexante) ou a un dos 7 superviventes sen superpoderes. O axexante terá que usar o seu descomunal poder para acabar con todos os superviventes, que poderán cooperar para facer fronte ao axexante e fuxir usando unha máquina do tempo.
Dragon Ball: The Breakers sería unha especie de achegamento do universo de Son Goku ao xénero do survival horror, o que sorprendeu enormemente aos seareiros da franquía, afeitos a participar en intensos combates de superguerreiros en vez de ter que fuxir dos malvados aos que se enfrontaron Son Goku e os seus amigos na célebre serie de animación.
Para que podamos facernos unha idea desta curiosa proposta temos xa o seu primeiro tráiler:
Anuncian un xogo de supervivencia no universo de Dragon Ball
Compartir Este Artigo

