Warner Bros Games anunciou un novo xogo de loita en plataformas (na liña dos Smash Bros. de Nintendo) que chegará en 2022 a PS4, PS5, Xbox One, Xbox Series X|S e PC con xogo cruzado. MultiVersus tirará proveito de numerosas franquías da Warner, de xeito que poderemos ver en acción a personaxes como Batman, Superman, Wonder Woman, Harley Quinn (do Universo DC), Shaggy (de Scooby-Doo), Bugs Bunny, Tom e Jerry, Arya Stark (Game of Thrones), Jake e Finn (Hora de Aventuras), Steven Universe e Garnet (de Steven Universe) e a un novo personaxe orixinal, Reindog.
Contar con grandes personaxes será un importante reclamo para este xogo no que poderán amosar as súas habilidades especiais a través de escenarios recoñecibles das súas propias franquías (como a Batcova). MultiVersus tamén terá distintos modos de xogo (1 contra 1, 2 contra 2 ou todos contra todos para 4 xogadores), resultando especialmente rechamante que a Warner decidise lanzar este título como Free-to-Play, o que pode darnos a entender que incorporará moitos personaxes e contidos paulatinamente para conseguir fidelizar aos xogadores a longo prazo e así poder facer negocio con micropagamentos, afastándose do modelo de negocio do brawler de Nintendo.
Vídeo no que presentan MultiVersus

