A selección de Xogos con Gold do mes de novembro vén de anunciarse, e inclúe unha sorpresa moi agradable, xa que o título que recibirán os subscritores de Xbox LIVE Gold o día 1 de novembro será Praetorians – HD Remaster, ou sexa, a versión optimizada para Xbox One do clásico xogo para PC Praetorians que en 2003 lanzara ao mercado o Pyro Studios.
Este xogo español de estratexia en tempo real adaptouse para as pantallas en alta definición, e devólvenos aos tempos do Imperio Romano, onde haberá que participar en enfrontamentos na Galicia, en Exipto, e incluso no propio corazón do Imperio Romano, buscando así chegar a Emperador.
Praetorians conta con 3 exércitos diferentes (romanos, galos e exipcios), máis de 20 misións de campaña e modos de xogo tanto local como multixogador en liña para ata 8 xogadores.
O día 16 de novembro o xogo que recibirán os subscritores Gold será Dead End Job, un título enfocado aos máis pequenos da casa, no que adoptaremos o rol dun cazador de pantasmas armado cun aspirador e unha pistola de plasma, de xeito que hai que percorrer numerosas localizacións actuando como exterminador de pragas, sendo posible xogar en solitario ou en cooperativo local, de aí que poidamos velo como un bo título para xogar en familia.
O clásico Praetorians inclúese nos Xogos con Gold de novembro
Compartir Este Artigo

