O éxito de Fortnite é innegable, pero ese xogo que agocha unha impresionante maquinaria de facer cartos ten tamén un lado escuro, xa que para poder ser tan rendible realiza algunhas prácticas moi discutibles, que poden levar a que moitos xogadores realicen pagamentos dun xeito case inconsciente, especialmente no caso dos menores, o que vén de saírlle caro nos EE.UU., onde pechou un acordo coa Comisión Federal de Comercio (FTC) por un valor total de 520 millóns de dólares.
Concretamente Epic Games terá que pagar unha sanción de 275 millóns de dólares por violar a lexislación de protección da privacidade dos menores en liña (COPPA), mentres que os 245 millóns de dólares restantes serían en concepto de reintegros a favor dos usuarios que recibiron cargos mediante enganos (o que sería a meirande cantidade que fai devolver a FTC nun caso relativo a videoxogos).
No que se refire á violación da COPPA, a FTC sostén que Epic Games non tiña autorización dos pais para recoller información persoal de nenos, á vez que tamén facilita as comunicacións de voz e texto con nenos e mozos, expoñéndoos a acoso, ameazas, abusos e traumas psicolóxicos (que poden incluso desembocar en suicidios). Co acordo acadado as comunicacións por voz e texto con menores están bloqueadas de xeito predeterminado e precisarán dun adulto para o correspondente desbloqueo.
A FTC tamén determinou que en Fortnite empréganse patróns escuros ilegais, ou sexa, trucos que levan a que os usuarios realicen compras no xogo de xeito accidental; durante un tempo era posible realizar compras da moeda virtual do xogo sen o consentimento expreso dos pais dun menor ou do titular da tarxeta bancaria sobre a que se facían as compras; e tamén detectouse a mala práctica de que se un usuario rexeitaba un cargo non autorizado Epic Games bloqueaba todos os contidos asociados á súa conta, reténdoos a xeito de chantaxe.
Ao parecer, Epic ignorou máis dun millón de queixas de usuarios sobre estas prácticas, e incluso de traballadores da empresa, preocupados polo elevado volume de cargos accidentais, que foron testemuña de como a compañía facía xusto o contrario: facer máis complicadas as reclamacións.
Agora Epic deberá ser máis respectuoso cos seus usuarios, pois de reincidir as sancións poderían ser bastante importantes (a FTC menciona que poderían chegar a 46.517 dólares por infracción).
Epic Games pagará 520 millóns de dólares por malas prácticas en Fortnite
Compartir Este Artigo

