Os servizos de subscrición de Microsoft complicaran bastante as súas marcas ao lanzar varias modalidades de Xbox Game Pass mentres se mantiña o Xbox LIVE Gold, e finalmente este último evoluciona para converterse o vindeiro 14 de setembro en Xbox Game Pass Core.
O novo Xbox Game Pass Core facilitará o acceso ao xogo en liña dende consolas Xbox, achega ofertas e descontos exclusivos, e muda o xeito no que agasallo xogos aos seus subscritores, pasando de achegar un par de títulos ao mes (que nos últimos anos eran totalmente irrelevantes) a ofrecer unha colección de máis de 25 xogos que recibirá novos títulos 2-3 veces ao ano.
O catálogo orixinal de Xbox Game Pass Core está composto inicialmente polos seguintes xogos: Among Us, Descenders, Dishonored 2, Doom Eternal, Fable Anniversary, Fallout 4, Fallout 76, Forza Horizon 4, Gears 5, Grounded, Halo 5: Guardians. Halo Wars 2, Hellblade: Senua’s Sacrifice, Human Fall Flat, Inside, Ori & The Will of the Wisps, Psychonauts 2, State of Decay 2 e The Elder Scrolls Online: Tamriel Unlimited.
Xbox Game Pass Core terá un prezo de 6,99 euros/mes ou 59,99 euros/ano, mentres que o Xbox Game Pass custa 10,99 euros/mes e Xbox Game Pass Ultimate (que tamén inclúe xogos para PC, xogos en streaming e unha selección de xogos de Electronic Arts) pode contratarse por 14,99 euros/mes. Temos así que Microsoft potencia o servizo máis básico de subscrición como un xeito de afacer aos usuarios a este modelo de negocio e así animalos no futuro a dar o salto a plans de subscricións máis completos.
Microsoft mellora o seu servizo de subscrición básico para Xbox
Compartir Este Artigo

