O vindeiro 16 de maio chegará a PC o aclamado xogo Ghost of Tsushima Director’s Cut, sorprendendo polo coidada que está a ser esta conversión do xogo para PlayStation 4 e 5, que na súa versión para ordenadores persoais contará con xogo cruzado no modo Lendas, compatibilidade cos Trofeos de PlayStation e incluso a posibilidade de empregar en PC unha interface de PlayStation que inclúe a listaxe de Amigos, Trofeos, Axustes e o Perfil, de xeito que a experiencia replicaría con grande fidelidade á das consolas.
Pero a grande sorpresa deste xogo está a ser a súa optimización, xa que o xogo non só está preparado para poder funcionar en monitores ultrapanorámicos e incluso en configuracións de ata 3 monitores, senón que tamén permite aproveitar funcionalidades como nVIDIA DLSS 3, AMD, FSR 3, Intel XeSS, nVIDIA DLAA ou AMD FSR 3 Native AA, para mellorar a velocidade de fotogramas e a calidade de imaxe.
Tal é o nivel de optimización deste título de Nixxes e Sucker Punch que na súa configuración máis básica poderá correr a 720p nun ordenador cun procesador Intel Core i3 de sétima xeración con 8 GB de RAM e unha gráfica nVIDIA GeForce GTX 950 con 4 GB de memoria de vídeo, ou sexa, un equipo modesto de hai uns 7 anos, deixando claro que queren que o xogo poida chegar a un grande público. Os que teñan equipos de hai 4-6 anos xa poderán gozar do xogo en Full HD, mentres que os que conten con ordenadores propios de hai 3 anos xa podería gozar das bondades do 4K. En definitiva, un título que realmente se adapta ás capacidades do noso equipo, estando ao alcance de moitos, e que os que teñan os equipos máis potentes poderán incluso gozar do mesmo con mellores gráficos dos que puideron verse inicialmente en consola.
Ghost of Tsushima funcionará en ordenadores bastante modestos
Compartir Este Artigo

