Nunha entrevista dentro do Bloomberg Technology Summit, a presidenta de Xbox, Sarah Bond, recoñeceu publicamente que Microsoft lanzará a súa propia tenda de xogos móbiles no mes de xullo como alternativa ás tendas de aplicacións de Google e Apple.
Cómpre lembrar que a través da adquisición de Activision Blizzard a compañía de Redmond tamén se fixo con King, de xeito que agora ten no seu catálogo xogos como Candy Crush, que xunto coas entregas móbiles de Minecraft e outros xogos tradicionais (como Call of Duty), conforma unha oferta de xogos móbiles que a través dunha tenda de aplicacións de seu tería unha maior flexibilidade para chegar ao público, evitando as limitacións impostas polas tendas de aplicacións móbiles actuais.
Inicialmente a nova tenda de xogos para móbiles de Microsoft verá a luz vía web, facilitando así o acceso aos xogos en calquera lugar, aínda que este será só o primeiro paso na construción dunha tenda de aplicacións de confianza (algo que actualmente poderán facer en Europa, pero que polo momento non poderían facer nos EE.UU.).
Xbox estreará tenda de xogos para móbiles no verán
Compartir Este Artigo

